GaliciaTIC aposta novamente polas presentacións de proxectos sobre un cuadrilátero, as Start-Up Battles

luns, 12 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

A organización de GaliciaTIC (Miguel Merino e a súa equipa) está a día de hoxe ultimando os preparativos da nova edición do evento galego de novas tecnoloxías da información, este ano centrado máis que nunca en impulsar a transformación dixital do noso sector produtivo. Entre as actividades nas que se están a centrar os organizadores atópanse novamente (logo do éxito colleitado o ano pasado) as Start-Up Battles, presentacións de novos proxectos tecnolóxico-dixitais a desenvolver a xeito de regueifa ou combate amistoso, nun ring de boxeo. GaliciaTIC, neste senso, xa fixo un chamamento a participar: “Aínda que non saibas boxear nin encaixar golpes, non te preocupes, esta é unha batalla especial na que o máis que máis vas utilizar será o teu cerebro”.
As “liortas” desenvolveranse a través de presentacións compartidas de cinco minutos, sobre un cuadrilátero e co premio final de converternos nos reis das Start-Up Battles 2017.
En temos máis concretos, os galardóns incluirán acceso aos obradoiros de Connecting for Good Galicia e as horas de asesoramento do programa de mentores de VíaGalicia, cos que Xunta, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Vodafone recoñecerán “os nosos mellores golpes”, sinala a organización de GaliciaTIC, engadindo que as “liortas” son un escaparate de primeira liña para “seguirmos subindo de categoría”.
GaliciaTIC desenvolverase os días 26 e 27 de xuño na Cidade de Cultura de Galicia (Santiago). Amais das regueifas tecnolóxicas, acollerá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais. No panel inaugural participarán Miguel Merino, profesor da UVigo, Mar Pereira, directora de AMTEGA, Giovanni Giardina, presidente de Ineo, Clara Pezuela Robles, presidenta de PlaneTIC, e María del Carmen Vicente, xefa de Área de Sectores Industriais do Ministerio de Economía e Industria.