GalegoLab anima aos internautas a sintetizar nun vídeo as 24 horas dun galego falante

xoves, 23 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Pódense reducir e sintetizar 24 horas da vida dun galegofalante nunha peza audiovisual que non vaia alén dos cinco minutos? Esta pregunta constitúe o reto dunha das novas iniciativas de Galegolab.org, o obradoiro en liña para promover accións que leven a nosa lingua a onde xa estaba presente e, sobre todo, a onde aínda non chegara, polas razóns que fora. A proposta 24 horas full screen, que ten o seu miolo pola complexidade de matices que acompañan a vida dunha persoa que fala unha lingua que cae mentres que outra (o castelán) sube, está dirixida a todos aqueles galegos ou galego falantes (non necesariamente) que queiran ensinar a través dun vídeo como desenvolven a súa vida lingüística, estando especialmente convidados os creadores audiovisuais, estudantes de imaxe ou comunicación e persoas creativas en xeral que acepten o reto da plataforma web. A recompensa para o gañador será un premio en metálico de 300 euros.
O regulamento do concurso, que xa se pode consultar polo miúdo na dita web, inclúe a participación dun xurado popular composto por 6 voluntarios de GalegoLab. O premio que achegue este xurado será unha das serigrafías feitas polo artista galego Antón Patiño para impulsar o obradoiro en liña. Haberá outro xurado de expertos (cun mínimo de 3 membros e un máximo de 6) que se dará a coñecer na páxina de GalegoLab antes do 30 de setembro. Este xurado outorgará un premio único de 300 euros. O prazo de recepción de filmes remata o 31 de outubro ás 12 da noite. Os filmes serán enviados a Eufalo.tv, na que estarán dispoñibles para os internautas a partir do 1 de novembro.