GAIN inaugura un ciclo para acelerar a transferencia tecnolóxica

venres, 30 de abril do 2021 Sandra Rivadulla

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), inaugurou este 30 de abril o primeiro ciclo de Encontros de Transferencia e Innovación, que reúne a empresas do ámbito loxístico e centros de coñecemento para afondar no reto climático.
A iniciativa forma parte do programa Ignicia e pretende promover a transferencia de resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos cara o tecido produtivo, e contribuír así á rendibilidade económica e social do investiamento en ciencia.
A directora de GAIN, Patricia Argerey, afirmou que “o obxectivo é poñer en contacto aos diferentes axentes do ecosistema galego de innovación, co fin de estudar as necesidades e as capacidades para a definición de proxectos colaborativos orientados a xerar solucións aos desafíos cada vez máis complexos aos que se enfronta o tecido empresarial galego”. De feito, “trátase de converter en valor económico o potencial da I+D+i galega a través de solucións innovadoras comercializadas ou incorporadas polas empresas”.
Cabe mencionar que as empresas galegas, xunto coas vascas, ocupan os primeiros postos en canto a innovación en colaboración con outros axentes. Por iso, a Xunta de Galicia ven impulsando isto, co obxectivo de mellorar a innovación e avanzar a un modelo económico máis baseado no coñecemento e con maior valor engadido.
En concreto, o primeiro ciclo celebrarase entre os meses de abril e xullo e xirará en torno aos retos ambientais. O 30 de abril tratarase o tema do reto climático para o sector loxístico, mentres que o 16 de xuño centrarase no sector agroalimentario. Doutra banda, o 19 de maio falarase do reto circular que afronta o sector téxtil e o 7 de xullo dedicarase ao ámbito da construción.

PUBLICIDADE