Fortalécese a Cátedra de Feminismos 4.0 cuns premios STEM e un comité de sabias

venres, 24 de xullo do 2020 S. P.

A Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra vai pór en marcha unha convocatoria de premios para promover, apoiar e fomentar os estudos STEM, ou sexa, os estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (polas súas siglas en inglés). A cátedra, que foi posta hai un ano polas ditas entidades co obxectivo de loitar contra a desigualdade nos eidos científico-tecnolóxicos, fomentando vocacións femininas, consolidouse este venres 24 cun convenio novo, no marco do cal a Deputación achega 60.000 euros.
O acordo, que foi asinado este venres polo reitor Manuel Reigosa e a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, contempla unha serie de actividades para este vindeiro curso, como a posta en marcha da devandita convocatoria de premios ou, tamén, a creación dun “comité de sabias”.
Carmela Silva agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo, á que cualificou como un “referente nacional en políticas de igualdade” ao tempo que recoñecía que este “é dos convenios que eu asino con máis satisfacción, e fágoo cun home feminista e empoderado”. O reitor da UVigo agradeceu estas palabras e lembrou a necesidade de “non dar un paso atrás” no que se refire á loita pola igualdade real, que non se produce, puntualizou, nin sequera “en institucións aparentemente igualitarias como a universidade”.
O acto contou coa presenza da nova deputada responsable do eido de Igualdade, Victoria Alonso e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez.
Segundo explicaron ambos representantes institucionais, “existen estudos que amosan que as mulleres en xeral obteñen mellores resultados no seu paso pola universidade que os homes: mellores taxas de rendemento, éxito e avaliación, notas medias e taxas de idoneidade e graduación”. Porén, engadiron, “prodúcese unha concentración importante de estudantes mulleres nas carreiras de artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas e ciencias da saúde, mentres que a súa presencia é moito menor nas enxeñerías”
Para tratar de mudar este escenario, no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo poranse en marcha diversas actuacións concretas, como os premios GirlGeekCivid, destinados a apoiar e fomentar os estudos STEM entre as alumnas da Universidade de Vigo de titulacións dos campus situados na provincia de Pontevedra, unha actividade “de especial relevancia nestes tempos de pandemia”, puntualizaba Silva.
Por outra banda, en outubro celebrarase a segunda edición do workshop virtual Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, que contará coa participación de investigadoras expertas internacionais e nacionais. Esta cita comprenderá un wikimatarón feminista e un obradoiro virtual para, como explicaba Silva, “identificar e combater os machitroles, porque é moi importante facernos conscientes dos ataques brutais que acontecen nas redes sociais e que sufrimos as mulleres e para os precisamos ter respostas”.
Outra das novas propostas da cátedra é a creación dun comité de sabias, para “que a xente saiba que hai grades expertas e conte co seu coñecemento”. O acordo contempla tamén continuar coa convocatoria de bolsas de investigación en cuestións relacionadas coa igualdade, cunha contía de 6000 euros, así como a creación dun espazo web para a Cátedra Feminismo 4.0.

PUBLICIDADE