Final Fantasy XIV non será exclusivo para PS3

xoves, 4 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Resulta preocupante que comecemos a ver coma normal que os estudos mintan descaradamente ao público ao asegurar que os seus xogos serán exclusivos para unha plataforma determinada cando en moitos casos tal exclusividade será só temporal, aínda que algúns casos son máis descarados que outros, coma o anuncio de Sony de que para 2010 publicaría o xogo Final Fantasy XIV en exclusiva para PlayStation 3, o que foi desmentido este mesmo mércores por Square Enix, compañía que asegura que tal xogo masivo multiusuario en liña sairá tamén para PC e non desbotan que tamén conte cunha versión para Xbox 360, dando a impresión de que o anuncio previo de Sony era totalmente manipulador e mentireiro.
O que resulta máis sorprendente deste lanzamento é que chegue tan cedo, porque 2010 tamén é o ano no que sairá en Europa o Final Fantasy XIII, auténtica superprodución que precisa ser todo un éxito para recuperar os millonarios investimentos que fixeron no produto, dándose a entender que o Final Fantasy XIV sería un título menor en comparación (o que non indica que sexa malo, senón que simplemente non conta cun investimento económico e de recursos tan esaxerado).
Final Fantasy XIV sería unha especie de secuela do Final Fantasy XI, que busca «chegar ao público ocasional, pero sen copiar a World of Warcraft», recuperando elementos da anterior entrega pero incorporando tamén innovacións no xénero.

PUBLICIDADE