Fíltranse as especifacións da futura PlayStation 5 Pro

luns, 18 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A través da canle de YouTube Moore’s Law is Dead sóubose de documentación interna de Sony na que detallan o que serían as especificacións dunha futura consola PlayStation 5 Pro, que dende Insider Gaming aseguran ter contrastado con fontes da industria, polo que parece ter iniciado a conta atrás para que este mesmo ano chegue a nova consola ao mercado.
Aínda que Sony non fixo ningún anuncio ao respecto, aseguran que a súa intención é pór á venda a nova consola de cara á campaña do Nadal, converténdose na primeira consola da presente xeración en dar un salto de potencia como aconteceu na xeración anterior.
A PS5 Pro estaría a desenvolverse baixo o nome clave Trinity e como principalmente obxectivo tería mellorar a taxa de fotogramas en resolución 4K, aínda que tamén contaría cun novo modo de funcionamento en 8K.
A información filtrada aseguraría que a PS5 Pro terían unha capacidade de renderizado un 45% superior que a PS5, multiplicaría a potencia do ray-tracing por 2-3, tería 33,5 TFLOPS, empregaría unha solución de escalado PSSR, contaría cunha arquitectura personalizada de machine learning e tamén contaría con aceleración con IA.
Insider Gaming asegura que os estudios de PlayStation contan kits de desenvolvemento da nova consola dende o pasado mes de setembro, mentres que os estudios alleos comezaron a recibilos en xaneiro e esperan recibir en primavera unidades idénticas ao que será o produto final.
Cómpre lembrar que o lanzamento de consolas Pro non supón unha nova xeración de máquinas, senón que simplemente estamos ante unha versión máis potente das consolas actuais, o que permite que os gráficos poidan xerarse con maior nivel de detalle, o que agradecerán os usuarios máis esixentes, pero os xogos continuarán a deseñarse para o seu funcionamento nas consolas básicas, xa que son as que supoñen a grande masa de usuarios. Tamén é de prever que o prezo de lanzamento da PS5 Pro sexa bastante elevado, sendo bastante probable que supere o prezo da PS5 en, como mínimo, un 33%.

Vídeo na que dan conta da filtración de especificacións da PS5 Pro

PUBLICIDADE