Estudantes da UVigo impulsan unha plataforma revolucionaria para fomentar a adopción de animais

venres, 6 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Un grupo de estudantes da Universidade de Vigo (Campus de Vigo e de Pontevedra) vén de pór en marcha unha plataforma dixital colaborativa para o coidado e adopción de animais. O servizo chámase Aliadogs e xa está a “facer comunidade” en Galicia e Asturias, sendo a súa previsión converterse en referente no eido dos servizos caninos a nivel estatal. Trátase, sinalan, dunha “alternativa económica e sinxela para deixar aos animais en boas mans”. Trala iniciativa están Diego Alonso, Rabi Ouallam e Cora Diz, os dous primeiros egresados da EE de Telecomunicación e a terceira estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A plataforma, que se apoia nunha estreita cooperación coas protectoras de animais (para fomentar a adopción a través dunha ferramenta de xestión totalmente automatizada), xurdiu ao decatáranse os estudantes das importantes necesidades non cuberta en materia de tenza e coidado de animais que existen na nosa terra. Necesidades que aínda son meirandes en época estival, porque é cando se dan as meirandes taxas de abandono. Para solucionar este problema, Aliadogs ofrece servizos de gardería, aloxamento e paseo a través dunha plataforma online colaborativa “onde amantes dos animais se ofrecen para realizar estas tarefas”.
A plataforma conta xa con 200 membros-coidadores. Segundo fan saber as impulsoras do proxecto, “o que pretendemos é crear unha comunidade para amantes dos cans” e para iso continúan a traballar para desenvolver novas funcións e ferramentas, “algunhas delas baseadas en intelixencia artificial e Machine Learning”. Estas tecnoloxías están a aplicalas para emendar o problema do extravío: botarán man de técnicas de análise de información masiva para que as donas e donos dos cans poidan identificar ao seu animal perdido.
A empresa botou a andar en 2017 da man de Diego Alonso, Máster en Técnicas Estatísticas e Investigación Operativa e Rabi Ouallam, graduado en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e máster en Técnicas Estatísticas e Investigación Operativa. Un ano máis tarde incorporouse a este proxecto Cora Diz, graduada en Publicidade e Relacións Públicas que actualmente está rematando Comunicación Audiovisual, para desenvolver os labores de deseño gráfico, comunicación e mercadotecnia. Coa axuda da FUVI presentaron a súa candidatura á convocatoria de axudas para IEBT (iniciativa de emprego de base tecnolóxica) da Xunta de Galicia, para o que tiveron que pasar polo filtro dun comité de expertos que avaliaron a viabilidade técnica e financeira do proxecto.

PUBLICIDADE