Estréase este venres o filme Copito de Neve coa súa boa ración de animación galega

venres, 23 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Estes días quen queira ir ao cinema e ver filmes que non sexan de animación, teno cru. Con todo, se hai que ir, vaise. E se o filme en cuestión foi feito con mans galegas, pois aínda mellor. É o caso de Copito de Neve, a nova achega de Filmax (o selo do galego Julio Fernández), baseada no célebre gorila albino do Zoo de Barcelona, que chega este venres ás carteleiras de todo o territorio estatal coa súa particular mestura de imaxes de índole real con outras feitas por computador.
De feito, aí, nesta combinación de texturas e técnicas, é onde reside unha das grandes complexidades e, tamén dos maiores retos da fita, un traballo de ensamblaxe (inserindo 1.000 planos de animación dixital no miolo de oito meses de rodaxe convencional) que segundo informa o seu director, Andrés Schaer, foi tremendamente laborioso.
O filme, probablemente un dos grandes acontecementos da animación española, obtivo a meirande parte do seu celme animado dos estudos que Filmax ten na Coruña, dende o que participaron arredor de cen profesionais.
Segundo se conta en Galicia Hoxe, preto de 200 cines de toda España recibirán dende este venres a Copito de Neve, en versións en castelán, en euskera, catalán e galego —con cinco copias. Asemade, a cantante Gisella, responsable da voz nos temas musicais da película, interpreta os temas en galego e catalán nas súas respectivas copias.