Este martes 8 celébrase o Día Internacional da Internet Segura

luns, 7 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Este martes 8 de febreiro celébrase o Día Internacional da Internet Segura, o que como mínimo debería servir para que caésemos na conta de que non todo o emprego que lle deamos á Rede é correcto. A cousa, que xa tería o seu aquel se lle afecta a unha persoa adulta, adquire matices máis preocupantes se pensamos no impresionante número de nenas/os e adolescentes que están arestora facendo uso das novas canles da información sen ter recibido antes un pouco de asesoramento sobre quen anda polas mesmas. Non é por inquietar, pero realmente non está de máis pór en xogo un pouco de sentido de común no eido tecnolóxico-dixital. Entre as plataformas que apoian o Día da Internet Segura atópase Adiccións Dixitais, quen co gallo desta celebración pon de manifesto a importancia de educar e sensibilizar aos internautas sobre os ricos do mundo virtual.
Segundo nos conta a dita entidade, esta conmemoración dunha rede con sentidiño lévase a cabo cada ano o segundo día da segunda semana do segundo mes, e nela participan máis de 60 países de todo o mundo. O acto, no que nos ocupa, está promovido pola Comisión Europea e Organizado por INSAFE-Red Europea, sendo o principal dos obxectivos promover un emprego responsable da Internet e dos dispositivos móbiles na mocidade especialmente. A nivel español, a actividade apóiase sobre investigacións como a feita pola Universidade de Navarra ao abeiro do Foro Xeracións Interactivas da Fundación Telefónica, estudo no que se conta que máis do 70% dos menores que están na Rede son usuarios habituais de redes sociais como Tuenti ou de Facebook. O dato non tería nada de preocupante se atendemos ás vantaxes destes servizos, moitas dende logo, pero se cadra adquire outro matiz se recoñecemos o poder aditivo das mesmas de non mediar un pouco de sentido común. Asemade, hai datos relativos á nosa terra, como os presentados (precisamente) por Adiccións Dixitais, nos que se fai saber que o 95,3% da rapazada galega de entre dez e quince anos teñen empregado o computador nos últimos tres meses, fronte ao 94,6% da media estatal. Isto tampouco tería nada de preocupante se non tivésemos en conta outro dato: o emprego do computador faise en moitas ocasións sen a axeitada supervisión das nais e dos pais, lembra a plataforma.