Esinor pon en marcha na Tecnópole un sistema intelixente de alumeado público que permite aforrar un 60% de enerxía
venres, 9 de marzo do 2007
O aforro no consumo de enerxía supón un importante pulo para a economía de empresas, institucións e particulares e, o que é máis importante, contribúe á preservación dos recursos naturais e a evitar na medida do posible o quecemento da terra. Esta é a idea que alenta o novo proxecto enerxético posto en marcha no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Trátase dun dispositivo que permite un aforro de enerxía do 60% e que reduce á metade os custos de mantemento de calquera rede pública, neste caso a da propia Tecnópole, que está a servir de base de probas para esta iniciativa. O sistema, que a xuízo da dirección do Parque é o máis avanzado nestes intres de toda Europa, foi desenvolvido pola empresa galega Esinor coa colaboración da Universidade de Vigo. O dispositivo Computercraft (este é o seu nome oficial) foi presentado este venres no recinto empresarial ourensán nun acto que contou coa presenza de Roberto Pérez, director comercial da devandita firma, quen fixo un percorrido pola teoría (no propio edificio central da Tecnópole) e a práctica (no alumeado público do recinto) do dito sistema. Este, que se pode regular mediante control remoto e que permite a xestión do alumeado en cidades enteiras, está xa operativo en Tecnópole e a disposición de todas aquelas empresas, institucións ou complexos empresariais que estean interesados en afondar no seu funcionamento e nas súas vantaxes.
Para a instalación da ferramenta ComputerCraft o Parque Tecnóxico de Galicia fixo un investimento de 70.000 euros, o que lle vai permitir (como dixemos ó principio) aforrar ata un 60% de enerxía e afondar nas políticas medioambientais de desenvolvemento sostible e nas dirixidas a reducir as emisións de CO2 á atmosfera, principais causantes do cambio climático.
O sistema implantado na Tecnópole baséase na integración dunha rede de comunicacións na propia rede de iluminación, o que achega a posibilidade de realizar tarefas de control remoto e de contar con cadros de mando intelixentes, labores que se poden levar a cabo a través de Internet ou da telefonía móbil. A principal vantaxe desta técnica, segundo sinalaron os responsables da firma, baséase en que emprega a propia rede de alimentación eléctrica, alumeado público, como soporte de telecomunicacións, polo que non son necesarias instalacións complementarias. “Isto reduce ao mínimo o custo de implementación do sistema na redes de luz xa existentes”, sinalaron.
