Enxeñaría Informática da UDC recibe a distinción de grao de excelencia

luns, 8 de abril do 2024 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública a resolución que outorga aos graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia (UDC) e en Veterinaria (USC) o selo de excelencia, distinción de calidade que até o momento operaba unicamente para os estudos de mestrado. O recoñecemento e a acreditación da calidade académica destes estudos universitarios quedará recollida mañá mesmo no Diario Oficial de Galicia.
O selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26.
Entre os requisitos para optar a el, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade, e cada universidade podía presentar tres solicitudes como máximo.
No que atinxe aos criterios de avaliación, fixáronse un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles será valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (até 15 puntos).
Nestes bloques valóranse cuestións como as taxas de ocupación, gradación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.
Así mesmo, tamén se teñen en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, elementos como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador.

PUBLICIDADE