Entregados os premios do concurso convocado no Facebook para promover o galego na hostalería

mércores, 9 de novembro do 2011 Redacción

O certame posto en marcha no Facebook para promover o galego a través de microrrelatos, da man da Asociación Hostalería Compostela e Política Lingüística, chegou á súa resolución este 9 de novembro, no transcurso dunha rolda de prensa que serviu, entre outras cousas, para entregar os premios do concurso. Sinalar que o evento, chamado MICRO CompH!ostalería. 800 anos en 800 caracteres, foi froito dun convenio asinado entre a asociación santiaguesa e máis a Secretaría Xeral, co fin de impulsar o uso da nosa lingua na hostalería e, tamén, de conmemorar os 800 anos da catedral de Santiago.
Na resolución desta edición 2011 do certame, a primeira dunha serie que se espera longa, participou o máximo responsábel de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen aproveitou a ocasión para avogar polas redes sociais como canles axeitadas para ampliar os recursos de uso da lingua galega. Ao seu xuízo, estes recursos 2.0 son xa “ferramentas indispensables para o desenvolvemento social e persoal”.
Os relatos galardoados da primeira entrega do concurso foron da autoría de Ricardo Saavedra, de Ángela Pontes e de Manuel González, que levaron o primeiro, segundo e terceiro premios, respectivamente. O cuarto galardoado foi Jorge Lage, que acadou o premio ao mellor relato gastronómico. Na entrega de premios tamén participaron Reyes Leis, concelleira delegada de Economía, Comercio, Turismo e Mercados do Concello de Santiago, e mais representantes do Museo da Catedral, do Mercado de Abastos e do Consorcio de Santiago, que colaboran no certame de microrrelatos.

PUBLICIDADE