En marcha dende Lugo un equipo da Garda Civil especializado na loita contra ciberdelincuencia

martes, 4 de xaneiro do 2022 Fernando Sarasketa

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou este 3 de decembro a entrada en servizo dun equipo especializado para loitar dende Lugo contra a ciberdelincuencia. Trátase do Equipo @, un grupo da Garda Civil que adica recursos a rastrexar delitos tecnolóxicos e conseguir un ámbito dixital o máis seguro e protexido posíbel. Os obxectivos do grupo déronse a coñecer polo miúdo durante o transcurso dunha visita a Lugo na que Isabel Rodríguez estivo acompañada polo comandante xefe da Comandancia da Garda Civil, Carlos Bacelo.
A subdelegada explicou que a creación do Equipo @ supón un “reforzo na persecución dos ciberdelitos na provincia e advertiu aos cidadáns, especialmente nestas datas de Nadal nas que aumentan de xeito considerábel as compras, da necesidade de utilizar só canles seguras e protexer sempre tanto a información bancaria como os contrasinais e outros datos persoais”.
A subdelegada indicou tamén que “a entrada en servizo do grupo é un importante paso que dá o Ministerio do Interior na loita pola seguridade no ciberespazo, xa que a ciberdelincuencia vai en aumento ao mesmo tempo que o fai o uso das novas tecnoloxías, a través das cales temos facilidades para facer todo tipo de compras, trámites, operacións bancarias ou solicitude de citas médicas”.
Rodríguez indicou que nos dez primeiros meses do ano, de xaneiro a outubro, a cibercriminalidade aumentou na provincia no ámbito da Garda Civil un 43,30%, xa que se rexistraron 509 delitos deste tipo mentres que no mesmo período do ano 2020 foran 379 e advertiu de que máis da metade, o 59,6% foron estafas con cartón de crédito.
O Equipo @ da Garda Civil de Lugo conta na actualidade con tres efectivos, que ampliará nun axente máis en breve. Os seus membros están especializados na loita contra a ciberdelincuencia, en particular nas estafas a través da Rede, que constitúen “un dos principais problemas neste tempo”, indicou a subdelegada, engadindo que estes equipos “foron creados para dar apoio aos postos da Garda Civil, proporcionándolles unha resposta especializada a este tipo de delitos”.
A Unidade ten a súa sede na Comandancia da Garda Civil de Lugo e leva traballando desde hai varias semanas en distintas operacións nas que foron vítimas cidadáns de distintos puntos da provincia.

PUBLICIDADE