En marcha agasallo.eu para promover os regalos en galego neste Nadal

venres, 17 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Chega o Nadal e chegan as compras, para algúns unha ilusión de primeira orde e para outros unha condena. Esta lea de dar e recibir pódese levar a cabo de diversas maneiras, pero se cadra unha das máis axeitadas sexa facelo cos pés na terra e promovendo e apoiando certos elementos propios da nosa contorna. Por exemplo a lingua. Sobre isto precisamente, sobre o pulo ao idioma na campaña de Nadal, está a traballar a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración coa Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CTNL). Este traballo vén de dar un froito en liña, a web agasallo.eu, unha proposta dixital na que se achegan suxestións de regalos en galego para o tempo de Nadal.
A páxina, por certo, acompáñase coa publicación de 45.000 exemplares en papel dunha guía co mesmo nome, Agasallo, e que se dedica tamén a promover o uso da lingua nas campañas de compras ligadas aos vindeiros días de festividade. As guías e a web, máis polo miúdo, inclúen unha escolma de novas creacións e produtos, libros, discos, aparellos electrónicos, fragrancias, camisolas, cinema e xogos.