En marcha a gran fronte común do noso tecido biotecnolóxico: DATAlife

venres, 8 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O xoves 31 de outubro celebrouse en Santiago de Compostela a constitución dunha entidade de gran potencial para impulsar na nosa terra os proxectos centrados nas ciencias da vida e nas súas prometedoras confluencias coas novas tecnoloxías (Big Data, Machine Learning, Deep Learning, etc). Estamos a falar da asociación sen ánimo de lucro DATAlife, que xorde co obxectivo de impulsar o valor de Galicia como referente europeo no ámbito bio e “como panca estratéxica para a innovación e a competencia empresarial en 3 focos estratéxicos: biorrecursos, sustentabilidade e saúde”.
Os socios fundadores de DATAlife son Bioga, ANFACO-CECOPESCA, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Cluster Saúde de Galicia, o Cluster TIC de Galicia, CZ Veterinaria, FINSA, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Televés e a USC (Universidade de Santiago de Compostela).
Deste xeito, DATAlife constitúese por 4 clústers empresariais (Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, ANFACO-CECOPESCA, o Clúster Saúde de Galicia e o Clúster TIC de Galicia), tres empresas tractoras a nivel autonómico (CZ Veterinaria, FINSA e Televés), dous centros tecnolóxicos (o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia -CESGA- e o Centro Tecnolóxico de Comunicacións –Gradiant) e a Universidade de Santiago de Compostela. Agárdase que antes de final de ano incorpórense novos socios referentes na economía galega.
A asociación ofrecerá á comunidade innovadora “maior competitividade” e creará emprego cualificado, amais de incrementar o peso da actividade empresarial sobre o PIB galego a través do modelo colaborativo aberto e participativo no que as empresas serán as protagonistas.

PUBLICIDADE