Dominig ar Foll (Intel) afirma que o reto da seguridade nos obxectos conectados acadarase a través do open source
xoves, 29 de outubro do 2015
Dominig ar Foll,
arquitecto software en Intel Open Source, interveu hoxe en LibreCon
2015 (Cidade da Cultura de Santiago) para achegar a súa visión
sobre a revolución tecnolóxica inminente que se coñece como
Internet das Cousas. Ao seu xuízo, os obxectos conectados van
beneficiar a quen agarda cos brazos abertos por esta nova orde de
interconexión home-contorna... e tamén a quen non a desexa en
absoluto. “Todos queremos ter programas e recursos actualizados”,
sinalou, e se hai elementos que nos axuden a ter a punto (por
exemplo) o mapa de navegación por estradas ou a escoitar a música
que nos gusta onde hai posibilidades aparentes de escoitala, benvidos
sexan. O relator recordou que moitas destas vantaxes están en
situación de risco por unha manchea de puntos febles que cómpre
emendar. “Nós como profesionais temos que protexer esta tecnoloxía
e estes avances”, sinalou, lembrando que a comunidade de usuarios,
asociacións e empresas open source, hoxe en día, está
mellor preparada para facelo.
Cómpre conseguir que
haxa moita xente para acadar as mellores condicións de seguridade, é
pura lóxica, sinalou. Na súa opinión, unha comunidade e unha masa
crítica de persoas achegan un meirande clima de protección que unha
empresa ou unha entidade por separado. “As persoas, todas elas en
colectividade, son as que van crear unha Internet das Cousas fiable”,
engadiu, ao tempo que recordou como está a medrar hoxe en día
(moito) a cifra de obxectos conectados ás redes, constituíndose
finalmente un reto a superar que nos vai implicar a todas e todos.
“Unha resposta primeira a isto”, sinalou, pode parecer o software
embebido: o que se executa pero que nin se ve nin se aprecia nin
amosa a súa execución. “No noso fogar hai múltiples ordenadores
que operan sen que os vexamos, cada electrodoméstico novo conta con
computadores así.... Pois o software embebido funciona igual”,
explicou. Porén, apuntou, este tipo de programas teñen hoxe en día
poucos expertos reais, polo que dificilmente se acadaría a resposta
universal e integradora que se precisa.
Como conclusións ao fío
do devandito, lembrou que malia que é certo que non hai unha fórmula
máxica que resolva o problema da desprotección e das
vulnerabilidades (unha fórmula permamente no tempo e que invalide
calquera tentativa de ataque de maneira global), si que é verdade
que todo pasa por fórmulas de probada efectividade como a validación
efectiva do software, o compromiso por sermos claros e precisos cos
nosos produtos ou a vontade de facer fincapé nos recursos que illen
as aplicacións e que protexan a información persoal (segundo fixo
saber, o cifrado de información é un paso fundamental para garantir
o axeitado tráfico na Rede). Polo tanto, é de obriga que para
desenvolver sistemas e aplicalos apostemos pola lexibilidade e a
claridade, ingredientes fundamentais para a seguridade e dos que
Linux, sinalou, “é un bo exemplo”. As ferramentas que ofrezan
códigos ilexibles non serán útiles para o que queremos acadar en
materia de protección para a Internet das Cousas, engadiu.
