Desvelan os xogos que chegarán a PlayStation Plus en abril

mércores, 27 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Tras un mes de marzo moi potente, o servizo de PlayStation Plus parece ter levantado o pé do acelerador, e promete un mes de abril máis tranquilo, con 3 xogos mensuais que chegan para os seus subscritores que non son tan relevantes, aínda que cómpre recoñecer que tamén teñen o seu público.
O xogo máis destacado sería Inmortals of Aveum para PlayStation 5, un shooter máxico para un xogador en primeira persoa que conta como Jak se une a unha orde de elite de magos de combate para salvar un mundo a rentes do abismo. Trátase dun xogo con combates con feitizos con mecánicas rápidas, fluídas e en primeira persoa, no que desbloquear máis de 25 feitizos e 80 talentos, mentres se progresa para que o noso personaxe chegue a ser o magnus triarca máis poderoso de Aveum.
O outro grande título de marzo sería Minecraft Legends para PS4 e PS5, un xogo de estratexia e acción no que podemos participar en intensas batallas en liña para até 8 xogadores. A principal sorpresa de que este xogo chegue a PlayStation Plus é que é dun estudio propiedade de Microsoft.
Completa a oferta do mes Skul: The Slayer para PlayStation 4, un xogo de plataformas e acción en 2D con característica de rogue-like, que é practicamente descoñecido, polo que podemos consideralo un título de recheo.

PUBLICIDADE