Declaración institucional da Xunta con motivo do Día da Internet

luns, 18 de maio do 2020 Redacción

Co gallo da celebración do Día Internacional das Telecomunicacións, a Sociedade da Información e a Internet, a Xunta de Galicia publicou a seguinte declaración institucional:

O 2020 marca no calendario o punto de inflexión entre o momento de balance da Axenda Dixital, que definiu os obxectivos de Galicia na última década, e o punto de partida dunha nova folla de ruta para afrontar os desafíos tecnolóxicos dos vindeiros anos. Todos lembraremos o 2020 como o ano no que a crise da COVID-19 transformou dun xeito sen precedentes o noso xeito de vivir, de traballar e de relacionarnos, poñendo a proba a capacidade de resiliencia e adaptación que temos como sociedade.
Neste Día de Internet cómpre agradecer o esforzo de todos os profesionais das tecnoloxías da información, que ao igual que outros sectores esenciais, amosaron a súa profesionalidade e vontade de servizo, facendo posible traballar sen estar na oficina ou formarse sen estar na escola e sentirnos sempre acompañados a pesar da distancias.
Se quedaba algunha dúbida, a tecnoloxía amosou o seu potencial para construír un mundo que está por imaxinar e tamén xerou inquedanzas, precisamente por esa mesma capacidade de transformación do coñecido e, tamén, por evidenciar a fenda social e vulnerabilidade dalgúns colectivos. Temos a obriga de xerar un marco de confianza que permita avanzar cara unha transformación dixital segura, ética, sostible e inclusiva, dende a perspectiva de conciliar o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica coa salvagarda da privacidade e a protección dos nosos dereitos como cidadáns da Unión Europea.
Tras dez anos avanzando no camiño da dixitalización, abrimos unha nova etapa chea de retos na que a intelixencia artificial e a xestión dos datos cobrarán unha especial relevancia. A Estratexia Dixital de Galicia 2030, que está en elaboración, deber ese punto de encontro no que, cun enfoque multidisciplinar, facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos que deben aproveitar as capacidades e as novas oportunidades que virán da man da tecnoloxía.
Un novo marco estratéxico que non se conforma con adaptarse aos cambios senón que buscar xerar o cambio, cun enfoque centrado nas persoas para contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental.
Comezamos a década anterior convencidos de que o futuro sería dixital, iniciamos a seguinte conscientes de que o presente xa é dixital e de que o futuro aínda o será máis.

PUBLICIDADE