DATAlife recibirá 5,5 millóns co-financiados por Europa para acelerar a dixitalización de 300 pemes

xoves, 30 de marzo do 2023 S. P.

Este xoves 30 de marzo celebrouse en Santiago unha xornada sobre o proxecto DIH DATAlife Hub de Innovación Dixital, con sede en Compostela e posto en marcha para converter Galicia nunha “biorrexión de referencia en Europa”. Segundo fixeron saber no balance de fitos da xornada os responsábeis do proxecto, este xa conta co selo excelencia EDIH DATAlife, outorgado pola Comisión Europea a través da iniciativa Hubs Europeos de Innovación Dixital (EDIH). A xerente do DIH DATAlife, Lucía Castro, explicou no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, que a dita acreditación implicará contar co sinal de excelencia que lle permite denominarse EDIH, único Hub Europeo de Innovación Dixital da comunidade autónoma galega.
O proxecto, segundo anunciou Lucía Castro, recibirá case 5,5 millóns de euros, dos cales 2,7 millóns están co-financiados pola Comisión Europea, sendo o único hub galego que recibirá financiamento de Europa. Os outros 2,7 millóns corren a cargo do Estado, engadiu.
A xornada serviu en liñas xerais para presentar e dar a coñecer a iniciativa avalada pola Comisión Europea, que comezou a súa andaina o pasado 1 de xaneiro e que terá unha vixencia de tres anos. Como garantía dese apoio acudiu o xefe de Dixitalización da Gobernanza da Industria Europea da Comisión Europea, Yves Paindaveine, quen destacou “a importancia para Galicia de contar con EDIH DATAlife”. Segundo dixo, un total de 722 hubs de toda Europa (92 de España) optaron ao selo EDIH, e finalmente, só 12 en España recibirán o financiamento europeo, entre os que se atopa DATAlife, o único con sede na comunidade autónoma de Galicia.
Lucía Castro, pola súa banda, explicou que o compromiso e respaldo de Europa é un “estímulo” para cumprir uns “ambiciosos obxectivos”. E engadiu: “Queremos implantar tecnoloxías disruptivas en fase de validación e demostración con potencial para aumentar a competitividade das empresas e a administración pública galegas”, recalcou.
O proxecto chegará a 300 pemes de Galicia, segundo destacou a xerente de DATAlife, quen lembrou que incidirá en sectores estratéxicos para a economía galega vinculados ás cadeas de valor da biotecnoloxía, agro-mar alimentación, forestal-madeira e saúde-coidados. “É necesario apoiar ás empresas, especialmente ás pemes, para facilitar o seu coñecemento e adopción”, explicou, engadindo que os servizos estarán recollidos nun catálogo e serán gratuítos para as empresas. Entre eles incluirase o asesoramento para a implantación de novas tecnoloxías, así como probas de concepto de Intelixencia artificial (IA), Computación de Altas Prestacións (HPC) e Internet das cousas (IoT). O proxecto tamén mapea de continuo solucións e provedores dixitais dispoñíbeis comercialmente para completar a oferta tecnolóxica.
O encontro sobre a Presentación do Proxecto EDIH DATAlife, tras a exposición de Lucía Castro, abordou os retos sectoriais e dixitalización, no que participaron os representantes dos agrupacións industriais socios de DATAlife. Acudiron Carme Pampín, pola Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga); Ricardo González, por Agrupación Industrial da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD); Rocío Mosquera, pola Agrupación industrial Saúde de Galicia (CSG); Santiago Cabaleiro, pola Agrupación industrial da Acuicultura de Galicia (CETGA) e Roberto C. Alonso, por ANFACO-CECOPESCA. Durante os próximos tres anos, DIH DATAlife e os seus socios de proxecto, terán a misión de facilitar a adopción destas novas tecnoloxías a través dese catálogo de servizos e capacidades para pemes e tamén grandes empresas e sector público de Galicia.
Outro dos temas tratados no encontro organizado por DATAlife foi o acceso ao financiamento e os fondos públicos e privados, un relatorio ofrecido por Daniel Álvarez, de Bioga. Tras o descanso, a subdirectora de Innovación e Programas Europeos de FEUGA, Carmen Cotelo, abordou o bloque sobre Formación: Dixital Skills.
Posteriormente foi a quenda doutra parte dos socios do Hub de Innovación Dixital, que falaron sobre os servizos tecnolóxicos: casos de aplicación. O director xeneral de Gradiant, Luís Pérez, foi o encargado da introdución. Os exemplos de servizos foron detallados por Antonio Rodríguez del Corral (Clúster TIC de Galicia); Sandra Rellán (ANFACO-CECOPESCA); Gerardo Rodríguez (EnergyLab); Alicia López (CETGA); Lois Orosa (CESGA); Lucía Camino (CETIM); Antía Fernández (Gradiant); Félix Díaz (CiTIUS); Martín Llamas (AtlanTTic) e Laura Simón (Televés). O catálogo de servizos do proxecto EDIH DATAlife está baseado nas capacidades e facilidades dos seus membros, deseñado para soportar todo proceso de innovación: desde a detección de necesidades, a idea ou proba de concepto ata a definición do modelo de negocio, probas piloto e apoio na procura para o financiamento do proceso comercial.
Os socios de DATAlife presentes no encontro destacaron que fomentarán a creación de espazos de datos federados e a súa explotación colaborativa. E, a través de diferentes actividades, o proxecto recollerá as demandas formativas para mellorar as habilidades dixitais e o uso de tecnoloxías disruptivas.
A intención é converter o DIH DATAlife, xunto os seus socios, nun “portelo único de servizos”, ofrecendo ás empresas acceso a solucións dixitais avanzadas a través de infraestruturas para a experimentación e validación de tecnoloxía.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, foi a encargada de clausurar o encontro.
DATAlife Hub de Innovación Dixital, con sede en Santiago, nace para converter Galicia en biorrexión de referencia en Europa a través da conexión, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos. DATAlife proponse facilitar a incorporación da Intelixencia Artificial e a analítica de datos nas pemes dos sectores ligados ás ciencias da vida.
Os socios de DATAlife son cinco agrupacións industriais: Agrupación Industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias dá Vida (Bioga), Agrupación Industrial da Acuicultura de Galicia (CETGA), Agrupación Industrial da Madeira e do Deseño de Galicia (CMD), Agrupación Industrial Saúde de Galicia (CSG) e Agrupación Industrial TIC Galicia; cinco empresas tractoras: Grupo Zendal, FINSA, Televés, Vodafone e Noso Capital; cinco centros tecnolóxicos: Energylab, Gradiant, ANFACO-CECOPESCA; Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o sistema universitario de Galicia: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e FEUGA.
Intervención de Patricia Argerey
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na clausura da xornada, destacando que "o recoñecemento da Comisión Europea aos hubs de innovación dixital estratéxicos de Galicia respalda a aposta da Xunta por este novo instrumento que funciona como xanela única para acompañar ás empresas nas súas necesidades de transformación dixital".
A directora de GAIN apuntou ademais que este recoñecemento supón "unha dobre oportunidade para o ecosistema galega de innovación: por un lado, reforzando o posicionamento internacional dos hubs estratéxicos galegos avánzase na internacionalización da I+D+i galega e na consolidación da Marca Galicia tamén no ámbito da I+D+i; e, por outro lado, facilitando o acceso do tecido empresarial galego aos recursos que precisen nos seus procesos de transformación dixital e, polo tanto, contribuíndo así á competitividade da economía galega".
Tamén dixo que a aposta da Xunta de Galicia polos hubs de innovación dixital, que está aliñada coas estratexias a nivel europeo e español, mantense na nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que inclúe como unha das tres prioridades transversais da política de I+D+i de Galicia, xunto á sustentabilidade e o enfoque cara ás persoas, a dixitalización.

PUBLICIDADE