DATAlife Hub de Innovación Digital (DIH) executará un proxecto europeo de transformación de pemes

mércores, 14 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH), que preside Pablo Álvarez Freire, celebrou este mércores 14 de decembro en Santiago de Compostela a súa quinta asemblea xeral ordinaria, onde destacou a relevancia da posta en marcha a partir do vindeiro mes de xaneiro do proxecto apoiado pola Comisión Europea: European Digital Innovation Hub.
DATAlife Hub de Innovación Digital está listo para impulsar esta iniciativa que conta con case seis millóns de orzamento a executar no vindeiros tres anos e cuxo obxectivo será a transformación dixital das pemes dos sectores clave vinculados ás cadeas de valor agro-mar, alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados. “Traballamos e seguiremos a traballar para que as empresas galegas de sectores estratéxicos para a economía de Galicia sexan competitivas nun entorno global”, destacou Pablo Álvarez Freire.
Á reunión de traballo de DATAlife Hub de Innovación Dixital acudiron representantes dos dezaoito asociados do propio Hub. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) estivo representada por Patricia Fernández Liz, directora da área de Servizos da axencia dependente da Xunta, quen destacou “o traballo realizado por DATAlife ao longo de 2022 nos distintos sectores clave para a economía galega”.
Os participantes na asemblea ratificaron a entrada como socio de DATAlife de Noso Capital, a primeira xestora de capital privado-galega. A firma inversora exercerá como axente de coñecemento para as empresas socias de DATAlife e achegará a súa experiencia en proxectos de innovación que podan achegar un valor diferencial. Noso Capital xestiona dous fondos: Bio & Tech Smart Capital, centrado nos sectores biotecnolóxico e tecnoloxías da información, e Noso Capital I FCE, orientado á captación de investimentos para as pemes galegas.
A xornada serviu para facer balance do traballo e as actividades de DATAlife durante todo o ano 2022. O Hub de Innovación Dixital puxo en marcha e impulsou cinco obradoiros especializados do IGAPE que finalizaron en setembro; o proxecto HIBA para a dixitalización do sector primario e o convenio de infraestrutura coa Axencia Galega de Innovación. Tanto o proxecto HIBA como a colaboración con GAIN seguirán tendo vixencia e continuidade o vindeiro ano 2023.
DATAlife tamén presentou e aprobou o orzamento e o plan de actividades para o ano 2023, facendo fincapé sobre iniciativas que se porán en marcha a partir do vindeiro ano grazas á concesión do proxecto apoiado pola comisión europea: EDIH. Un orzamento de seis millóns de euros permitirá o despregamento da carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas da cadea de valor de agro-mar alimentación, forestal-madeira, saúde-coidados e biotecnoloxía en Galicia.

PUBLICIDADE