Coruña Dixital pon un extra de achegamento á cidadanía na súa nova tempada
martes, 22 de outubro do 2019
Coruña
Dixital, a fronte común do Concello e as comunidades locais
tecnolóxico-argalleiras, vai ter corda para rato. Hoxe presentouse a
nova tempada da iniciativa, un máis que completo programa de
actividades para a formación dixital da cidadanía, o impulso da
tecnoloxía libre e o intercambio real, activo e dinámico de
coñecemento TIC. A
nova tempada foi dada a coñecer polo edil de Cultura, Jesús
Celemín, quen lembrou outro dos obxectivos fundamentais de
Coruña Dixital: mostrar ante o mundo as intensamente activas
comunidades dixitais da Coruña e impulsar o seu importante labor. A
nova tempada, dixo, vén marcada pola vontade de lle aproximar dun
xeito máis profundo a cultura dixital á cidadanía.
Celemín,
que compareceu acompañado do coordinador da iniciativa, Sergio Lago,
fixo fincapé na vertente formativa do programa (que será
fortalecida nesta nova edición, poñendo o foco na xente que se está
a iniciar nas novas tecnoloxías). Segundo fixo saber, esta vontade
de educar dixitalmente materializarse en boa medida a través das
redes sociais e a web do proxecto (corunadixital.gal),
que “facilitarán o acceso á información actualizada sobre a
crecente actividade dixital da cidade”.
Como
novidade, informou da incorporación de todos os recursos locais
dispoñíbeis para a "iniciación e o uso seguro da tecnoloxía",
especialmente dirixidos aos colectivos de maiores, familias e
mocidade.
Coruña
Dixital tamén avanza “na colaboración co tecido innovador da
cidade”, recordaron, engadindo que este outono o proxecto está a
apoiar varios encontros de divulgación e de cultura dixital, “todos
eles co nexo común de vir impulsados por colectivos e entidades que,
baixo unha filosofía colaborativa e aberta, traballan durante todo o
ano na divulgación do coñecemento TIC”.
Estes
son os encontros en cuestión:
●
AtlánticaConf, un novo congreso de divulgación tecnolóxica
impulsado polo amplo tecido de comunidades de profesionais TIC da
cidade, co apoio de empresas innovadoras e da Universidade da Coruña.
●
A 8.ª edición da Feira de Tecnoloxías Libres OSHWDem que,
organizado polo colectivo Bricolabs, a Domus acollerá o vindeiro 9
de novembro. Trátase do evento de referencia para o mundo argalleiro
(maker) da cidade e pioneiro en Galicia.
●
O 6.º congreso TADEGa, no que a cidade acollerá o 22 e 23 de
novembro un foro de referencia de profesionais da educación, co foco
na tecnoloxía e a atención á diversidade.
Nova
edición do #LAIC
Xa
en decembro, será a quenda da innovación audiovisual coa
reactivación do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e
Creación: un ciclo de encontros formativos para persoas interesadas
na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a
transformación dixital. Segundo fixeron saber Celemín e Lago, esta
nova edición xirará arredor da creación dixital transmedia;
é dicir, “historias que se expanden en múltiples dispositivos e
formatos, cunha participación activa dos públicos”. Trátase,
dixeron, “dunha área que está a vivir un momento de crecemento e
chegada ao gran público a través das grandes series de plataformas
dixitais, pero da que tamén coñeceremos a súa aplicación en
proxectos culturais, educativos e sociais”.
O
comisario do programa, o xestor cultural Sergio Lago, explicou que o
#LAIC deste ano “estará moito máis vinculado á creación dixital
transmedia e traballará coa comunidade técnica da cidade
adicada á creación audiovisual, á programación informática e aos
novos escenarios de realidade virtual, xa que temos grandes
referencias na cidade neste ámbito”.
A
mediados de decembro o #LAIC desenvolverá unha primeira sesión
panorámica sobre esta temática, para retomar, dende a volta do
Nadal e ata finais de marzo, a súa actividade con sesións semanais
no Centro Ágora.
Lago
e Celemín recordaron que dende as redes de Coruña Dixital
anunciaranse de maneira gradual cada unha das citas e abrirase a
inscrición nas charlas e talleres do #LAIC que, como todas as
actividades do programa, serán de balde.