Coruña Bloggers celebrará o seu terceiro aniversario a semana que vén

luns, 20 de maio do 2019 Marcus Fernández

Os encontros mensuais de Coruña Bloggers perderon a súa periodicidade hai uns meses, de xeito que as súas últimas dúas edicións tiveron lugar en novembro no marco da Mobile Week Coruña, e agora preparan o seu retorno, e o día 29 de maio ás 19:30 horas celebrarán a súa edición número 22 na Fundación Barrié.
Este encontro, que servirá como terceiro aniversario de Coruña Bloggers, ten xa aberta a súa inscrición de balde, e como vén a ser habitual, prégase aos asistentes que acudan á cita cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros que entregaranse á Cociña Económica. Até o momento esta iniciativa achegou uns 2.475 quilogramos de alimentos.
Nesta ocasión o evento botará a andar cun relatorio de José Nogueira, avogado que dirixe Sistemius, e que afondará no marco legal en negocios dixitais, para que os asistentes poidan coñecer de primeira man a información legar que deben ter as súas páxinas web ou como poden realizar captacións de datos dun xeito válido. Tamén abordará temas como a responsabilidade dos contidos das páxinas web, aspectos legais a ter en conta na venda en liña ou como xestionar os dereitos de imaxe, plaxio de contidos...
Diana Pardo Varela collerá o relevo para impartir un obradoiro sobre LinkedIn como unha plataforma dende a que situarse no foto de oportunidades profesionais a través do storytelling. Explicará 3 erros que non deben cometerse nesta plataforma social profesional e exporá 10 chaves sobre esta rede.

PUBLICIDADE