Correos Express botou man da intelixencia artificial para aumentar os repartos na nosa terra

luns, 21 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Correos Express quere marcar as diferenzas con respecto á cada vez máis dura competencia, e para conseguilo está a botar man de diversas innovacións tecnolóxicas, medio-ambientais e de mobilidade. Por exemplo o seu Sistema de Xestión Dinámica, unha ferramenta baseada en IA (Intelixencia Artificial) que optimiza todo o proceso de reparto de paquetes, dende a recepción e clasificación dos mesmos até a súa xestión e entrega. Segundo informa a compañía, o emprego deste recurso (entre outras medidas) valeulle para conseguir récords importantes nunha chea de cidades. En Vigo, sen ir máis lonxe, repartíronse máis de 630.000 paquetes ao longo de todo 2018, “o que supón un incremento do 37% con respecto ao ano anterior”.
Esta suba foi especialmente marcada durante a campaña de Nadal, na que se incrementaron as rutas nun 42% “para dar resposta ao aumento da demanda”.
A nivel estatal, a compañía foi quen de acadar importantes como, por exemplo, ter movidos máis de 5 millóns de envíos mensuais cunha calidade superior ao 93% en toda España durante as campañas de Black Friday, Blue Monday, Nadal e Reis. Isto supón unha mellora de 4,4 puntos respecto ao mesmo período do ano anterior. Amais, dende o inicio da devandita campaña (unha campaña en catro tempos), Correos Express ampliou máis de 1.000 novas rutas, aumentando un 15% as rutas realizadas a través do proxecto MARES (Medios Alternativos de Repartición Ecolóxica e Sustentable en toda España), e un 14% nos percorridos da zona.
Por outra banda, tamén houbo unha forte aposta a prol da mobilidade sustentábel, incrementándose a frota de vehículos non contaminantes, bicicletas eléctricas e backpackers, o que significou unha importante marxe de eficiencia e deixar de emitir á atmosfera máis de 800.000 quilogramos de C02, o que equivale ao aire limpo que xeran 17.499 oliveiras.
Como dixemos, un dos recursos principais da compañía é o seu exclusivo Sistema de Xestión Dinámica, desenvolvido pola empresa en base ás novas metodoloxías de Intelixencia Artificial e co obxectivo de optimizar procesos, desde a recepción e clasificación dos paquetes até a súa xestión e entrega. Segundo informa Correos, a ferramenta permite situar o 97% da mercadoría e “achega máxima eficiencia e eficacia ao procedemento”, mellorando o control de todos os envíos e maila súa rastrexabilidade en itinerario Ademais, engade, “ofrece axuda e asistencia aos repartidores, máxima transparencia para os clientes e destinatarios e optimiza a xestión de incidencias”.
O sistema é un desenvolvemento tecnolóxico propio de Correos Express baseado na súa experiencia na operativa e a entrega na última milla. A compañía destaca a súa capacidade para ser exacto ao cen por cen en materia de rastrexabilidade e localización e en materia de optimización de rutas (aumenta con flexibilidade a capacidade de reparto, en base ás puntas de demanda, e axuda aos repartidos a que poidan cumprir os seus obxectivos de entrega sen problemas).
Amais, na súa arela de ofrecer “un servizo 360º”, Correos Express desenvolveu para os clientes unha aplicación móbil que lles axuda a xestionar os seus envíos, as súas recollidas e solucionar as súas incidencias desde calquera dispositivo e lugar. “A ferramenta resulta especialmente útil para pequenas empresas e microPEME”, sinala Correos, que lembra que está dispoñíbel tanto na Play Store para Android como para iOS.

PUBLICIDADE