Coremain desenvolverá novas funcionalidades na plataforma autonómica GaIA

martes, 29 de decembro do 2020 Redacción

A empresa tecnolóxica Coremain, con sede principal no Polígono de Costa Vella de Santiago, vén de compartir nesta recta final unha importante novidade relativa ao seus vindeiros proxectos TIC: o desenvolvemento de novas funcionalidades para a Plataforma Galega de Información Ambiental GaIA.
A incorporación de máis servizos en GaIA será posíbel grazas a unha nova encarga da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que volveu confiar en Coremain para, desta volta, ampliar os horizontes da dita ferramenta.
Como lembraremos, o portal GaIA proporciona un punto único de acceso ás empresas para cumprir cos seus deberes en materia ambiental coa Xunta de Galicia. “Trátase”, explica Coremain, “dunha plataforma accesíbel, integrábel, con capacidade para adaptarse a diferentes contornas e requirimentos e con ampla marxe de interconexión e de interoperabilidade con outros sistemas de información ambiental”.
Os principais módulos que Coremain desenvolverá no sistema son os seguintes:
· Módulo de Administración da Plataforma.
· Xestor do Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.
· Xestor de Expedientes de Concesión de Autorización Ambiental Integrada.
· Módulo de Vixilancia Ambiental, que permitirá definir e xestionar o Plan de Vixilancia Ambiental das instalacións.
· Aplicación móbil de utilidade nas visitas ás instalacións durante as inspeccións ambientais.
· Xestor do Rexistro Galego de Emisións de Compostos Orgánicos Volátiles.
· Xestor do Rexistro de Emisións e Transferencias de Contaminantes.
· Módulo GIS que dotará de capacidade de análise espacial aos usuarios de GaIA.

PUBLICIDADE