Comunicación e mocidade, a debate na Rede a partir do 15 de xaneiro

mércores, 3 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A relación da mocidade cos medios de comunicación de masas foi un tema moi recorrido ó longo de todo 2006. Acabado de estrear 2007, o Observatorio dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CXPG) quere reabrir o debate e fai un chamamento a toda a cidadanía galega para participar no foro internacional sobre Comunicación e Xuventude que dará comezo o vindeiro 15 de xaneiro.
Esta xuntanza vai orientada a servir de marco para habilitar un diálogo “frutífero e interdisciplinar” para afondar nas relacións entre o colectivo de mozos e mozas cos medios informativos. Comunicación e Xuventude comprende unha parte virtual, que se desenvolverá na web do Observatorio (www.observatoriodosmedios.org) e unha xornada presencial, que terá lugar no Centro Cultural Uxío Novoneyra de Lugo o 22 de febreiro; ámbalas dúas serán de balde.
Debido a que existen poucos estudos que recollan unha visión globalizadora deste eido de investigación, o foro internacional servirá para darlle outro enfoque á investigación e abordar dende outras perspectivas a relación entre mocidade e medios.