Comeza en Compostela a I Conferencia Universidade 2.0

xoves, 12 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

A Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago, vista no espazo de Xornal Certo no Flickr

Este xoves 12 arranca na Universidade de Santiago, na Facultade de Ciencias da Comunicación, un encontro destinado a avaliar polo miúdo as posibilidades das novas tecnoloxías en fase de espallamento na ensinanza do futuro. En definitiva, trátase de visualizar os camiños máis axeitados para unha educación de meirande calidade. A primeira Conferencia Universidade 2.0, así se chama o evento, reunirá a diversos representantes do eido universitario, editorial, informático e tecnolóxico-educativo procedentes de tódolos recantos do territorio estatal. O evento, que se desenvolve baixo epígrafe Universidade 2.0, en busca da innovación educativa, servirá para compartir experiencias e definir a aplicación das novas tecnoloxías na formación superior.
A xuntanza dá comezo ás 9:15 horas nun acto que contará coa asistencia do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, da vicerreitora de Persoal Docente e Investigador da USC, Carmen Fernández Morante, e dos vicerreitores de Economía e Planificación da Coruña, José M. García Vázquez, e de Calidade da Universidade de Vigo, Mª Elena Sierra Palmeiro.
Xa nun eido máis concreto, a xornada incorpora no se programa diversas experiencias arredor de novos recursos educativo-dixitais, como por exemplo un atril ou un encerado dixital interactivos. Complementando aos relatorios, desenvolveranse mesas redondas que posibilitarán, en palabras da USC, “o debate e a análise de casos de éxito no eido da educación e as TIC”.
Na organización desta iniciativa, pioneira no ámbito do ensino superior galego, atópanse GaliciaTIC e as tres universidades galegas, amais da Consellería de Educación. No desenvolvemento do programa, participarán representantes de editoriais como Pearson, Springer, Elsevier, Meubook, Netex e Netbiblo; empresas tecnolóxicas como Microsoft, Intel, Google, Oracle, Smart Technologies e Crambo Visuales; así como centros de educación superior e universidades.

Programa

Logo do acto inaugural, o profesor da Universidade Camilo José Cela Alejandro Borges pronunciará a conferencia ‘Retos educativos no contexto económico e social. A transformación da educación. Deseguido, César García, socio fundador de Crambo e experto en solucións de integración audiovisual, presentará un relatorio sobre a integración da tecnoloxía audiovisual na educación superior.
Ás 10:30 comezará a primeira mesa redonda da xornada, estando dedicada a reflexionar sobre contidos dixitais para a educación e a formación, na que os temas a tratar serán a creación, etiquetado e catalogación; estandarización dos procesos; distribución; o e-learning como tendencia imparable; e experiencias dos usuarios. A partir das 12:30 horas, será a quenda dunha segunda mesa redonda que se desenvolverá baixo o lema ‘Centros, sistemas e plataformas educativas en liña. Adaptación ao novo espazo escenario do EEES’.
Completando a sesión matinal, o responsable comercial de Produtos Enterprise 2.0 de Oracle España, Manuel Melle, presentará unha conferencia na que analiza os retos e vantaxes de construír unha plataforma social universitaria.
Pola tarde, a partir das 15:30 horas, o director de estratexia de Plataforma de Microsoft Ibérica, Luis Miguel García de la Oliva, abrirá a quenda de intervencións falando sobre ‘Cloud Computing en educación’. Continuará o programa coa mesa redonda ‘Innovación e creatividade na educación. O material cultural, bibliotecas, dereitos de autor’, na que se inclúe a presentación dunha experiencia desenvolvida na Universidade Rovira i Virgili arredor da pizarra dixital.
A xornada rematará coa celebración de tres obradoiros simultáneos sobre Innovación e tecnoloxía colaborativa na Universidade; A integración de elementos audiovisuais en contornos de ensino; e sobre Uso da plataforma Moodle para a Alfabetización en Biblioteca.