Cinco concellos galegos inician este xoves o proxecto de capacitación dixital Tomando as rendas

xoves, 28 de xuño do 2012 Raquel Noya

As aulas CeMIT dos concellos de Mugardos, Ames, Sada, Castrelo de Miño e Tomiño acollen este xoves a primeira sesión formativa da iniciativa tecnolóxica Tomando as rendas, que ten como obxectivo fomentar o autoemprego e o emprendemento entre as mulleres do rural e formalas no uso das novas tecnoloxías.
As usuarias inscritas nesta iniciativa da AMTEGA (máis de 150 en todo o territorio) recibirán a primeira charla do itinerario formativo a través de videoconferencia, na que será, a ben seguro, a primeira experiencia deste tipo para a gran maioría delas.
A formación será presencial e en liña, e en total impartirase en 40 municipios integrados na Rede de Centros para a Modernización Tecnolóxica (CeMIT) da AMTEGA.
Nesta primeira fase do proxecto o que se pretende é motivar para o emprendemento e dar pé á xeración e maduración de ideas empresariais por parte das participantes, as cales recibirán o apoio necesario para “acometer este labor con éxito”, afirman dende a entidade pública.
Para iso, as futuras emprendedoras recibirán información de utilidade sobre as ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, así como sobre as axudas das que poden botar man no momento de poñer a andar os seus negocios, de ser o caso.
O itinerario formativo completarase con cursos de capacitación dixital básica, xestión da empresa e capacitación en ofimática para as interesadas, que se impartirán como complemento opcional da man dos axentes TIC das aulas CeMIT.
Tomando as Rendas é un proxecto impulsado a nivel nacional pola fundación Fundetec, a Plataforma Enlaces e Deglobé, e desenvólvese aquí en Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar, a Secretaría Xeral da Igualdade e BIC Galicia.
A formación impartirase de xeito presencial nas aulas CeMIT a través do sistema de videoconferencia en grupos de catro ou cinco concellos ata primeiros de xullo, e completarase coa elaboración dun Plan de Empresa para as interesadas, que se articulará a través de cinco talleres en liña sobre coñecementos a nivel financeiro, contable e laboral requiridos para a elaboración dun plan de empresa.