Cerco na nosa terra ás liñas 905 de televisión
luns, 14 de febreiro do 2011
Perante as liñas 905 ligadas á televisión,
empregadas por unha chea de cadeas e programas para enganar aos espectadores en
concursos con premios inexistentes, estamos a día de hoxe practicamente
desprotexidos. Así o entende a Consellería de
Economía, que vén de anunciar que incrementará o control sobre estes números
co obxectivo de defender os intereses dos consumidores galegos. As iniciativas
ao respecto foron dadas
a coñecer este luns pola directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a xerente
do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz. Entre as medidas que se porán
en marcha figura unha campaña de inspección sobre o uso destas liñas nas cadeas
de TV, ás que se lles esixirá a aplicación da normativa en caso de que non se
axusten a ela.
Amais disto, realizarase unha campaña
informativa sobre os dereitos dos consumidores fronte a estas liñas, amais do
fornecelos dunha serie de actividades de divulgación (obradoiros) inseridas no
plan anual da Escola Galega de Consumo “co
obxectivo último de incrementar o nivel de formación e información dos
consumidores”.
Estas e outras medidas teñen o seu xermolo na
actividade do Observatorio de Concursos e Premios, habilitado pola Consellería
de Economía cun orzamento de 90.000 euros e dedicado á recollida de datos sobre
este eido específico da práctica do xogo ligado á televisión, tarefa na que incluíu
o estudo pormenorizado de case 900 programas. Este labor puxo de manifesto,
entre outras cousas, que existen moitos atrancos para a correcta lectura da
información legal nestes servizos, atrancos que van dende o menos sutil (letras
borrosas, uso de abreviaturas de demais escamoteos de información) ata medidas
un pouco máis sofisticadas. Amais disto, o Observatorio confirmou que perante estes
concursos ligados a estes números o 69% dos consumidores non coñece os seus
dereitos como usuarios destes servizos, e o 77% descoñece a posibilidade real
de evitar conectar con estas liñas en función do seu contrato telefónico.
