Campaña masiva para frear en Europa o tratado que permitiría máis censura na Rede

venres, 27 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Semella que as persecucións e as investigacións levadas a cabo os días pasados polas autoridades de Estados Unidos contra certas webs para o intercambio de ficheiros teñen no seu punto de mira, tamén, a outro tipo de páxinas, as que lles serven aos activistas do mundo a facer fronte común contra os abusos do poder, que soen ser moitos e variados. Por exemplo todas esas páxinas, na liña de Avaaz.org, que deben de ser o pesadelo dos grandes poderes corporativos e dos sistemas políticos ao seu servizo. Á fronte desta ameaza está o ACTA, un tratado global que se pon en marcha para que os devanditos poderes teñan ao alcance da man a posibilidade de censurar Internet.
Este acordo, formalizado por un feixe de países ricos e corporacións, sentaría os alicerces dun organismo anti-falsificación que posibilitaría a vixilancia de todo o que fan os internautas en liña. Ademais, daría marxe para sancións elevadas, mesmo penas de prisión, contra calquera persoa ou entidade que prexudique os seus intereses.
Porén, todo hai que dicilo, a comunidade internauta semella que está a pechar fileiras para protexerse desta máis que previsible andanada censora, que está a piques e contar co apoio da Unión Europea, un apoio que, de darse, significaría o pulo definitivo a esta acción contra a liberdade na Rede. Segundo se sinala dende Avaaz.org, precisamente, calquera internauta pode pór o seu gran de area contra este hipotético apoio, resposta que se canaliza a través dunha campaña en liña de recollida de sinaturas para entregalas logo en Bruxelas. O obxectivo desta campaña, segundo Avaaz decisiva para salvar a Internet, é recoller 500.000 de apoios. “É indignante”, engade a plataforma activista, “os gobernos que representan ao oitenta por cento dos cidadáns do mundo están hoxe excluídos das negociacións da ACTA (Acordo Comercial Anti-Falsificación), mentres que os que son nomeados a dedo traballan moi de preto cos lobbies corporativos para deseñar os novos regulamentos e un réxime de aplicación perigosamente poderoso”. A ACTA, inciden, afectará nun principio a Estados Unidos, Europa e outros nove países, e de xeito progresivo ao resto do mundo; “porén, se neste intre logramos que Europa lle diga non á iniciativa, o tratado perderá pulo e podería afundirse para sempre”, informan.