COGAMI denuncia neste 8-M a discriminación que sofren nas TIC as mulleres con discapacidade

martes, 7 de marzo do 2023 S. P.

Mulleres traballadoras de COGAMI

Coincidindo co 8-M, Día da Muller, a confederación COGAMI que preside o sonense Anxo Queiruga puxo o foco de atención nas que viven maior discriminación, encadrándose esta acción na campaña de sensibilización #SomosCOGAMI que visibiliza cada un dos meses deste ano as principais necesidades destes colectivos. No mes de marzo as protagonistas son as nas nenas e as mulleres con diversidades funcionais e cognitivas, por “ser un dos grupos de poboación que máis viven a discriminación social”, por “ser mulleres, por ter discapacidade e por vivir en zonas do rural, entre outras causas”.
COGAMI explica que “a pesar dos avances conseguidos en materia de dereitos nos últimos tempos, as nenas e mulleres con discapacidade enfróntanse continuamente a situacións de violencia, desigualdade, discriminación e prexuízos sociais contra elas”.
En palabras de Mónica Álvarez, presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), “nenas e mulleres con discapacidade enfróntanse diariamente a diferentes formas de discriminación que lles imposibilita o exercicio libre dos seus dereitos”.
A muller destes colectivos, engade, “é máis vulnerábel ante os abusos”, e como proba disto, explica, atópase unha enquisa realizada por ACADAR sobre o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Segundo datos extraídos, o 15,71% das mulleres enquisadas confirmaron ter vivido violencia na Rede: o 44% recibiron comentarios ofensivos sobre o seu aspecto; a un 41% propuxéronlle ter relacións sexuais a través dunha mensaxe non desexada; o 34% recibiu fotografías ou vídeos de contido sexual a pesar de rexeitar estas ofertas e o 37% das mulleres declaran que se lles insistiu en manter algún tipo de relación romántica ou sexual.
Mónica Álvarez apunta que “dada que a violencia dixital é relativamente nova, as nenas e mulleres que viviron ou viven algún episodio non son conscientes de que iso é violencia, facendo difícil a identificación e a abordaxe da situación”.
Atención dende a infancia
Para garantir as mesmas oportunidades, dende COGAMI ven necesario “que se produza unha atención especializada dende idades máis temperás”. Se as nenas e nenos con discapacidade reciben terapias tralo nacemento, colaborarase a que teñan un mellor desenvolvemento co paso dos anos, sendo nesta etapa na que se pode compartir, xogar, estudar e relacionarse sen atopar obstáculos que as limiten.
“É necesario potenciar a participación social dende a nenez, resultando tamén básico contar cunha educación que sexa inclusiva, con recursos humanos e apoios técnicos que permitan que as nenas con discapacidade estean incluídas no sistema educativo, como aposta a nova LOMLOE”, explican fontes da confederación galega, lembrando que durante o ano pasado COGAMI realizou 7 intervencións dirixidas á inclusión educativa obrigatoria e defensa de dereitos de formación inclusiva.
Programas dirixidos ás mulleres
Para combater esta situación discriminatoria, dende COGAMI e o seu movemento asociativo traballan en programas de apoderamento da muller, onde, sinalan, “é preciso rachar cos estereotipos de infantilización e sobreprotección dende os núcleos familiares”. A presidenta de ACADAR apunta que “é importante que nenas e mulleres con discapacidade lideren as súas vidas, tomen as súas propias decisións e poidan exercer os seus dereitos cos recursos e apoios axeitados e que deben garantirse por parte da administración”.
Foron atendidas durante o ano pasado máis de 400 mulleres para diminuír a discriminación e prexuízos que as privan de exercer os seus dereitos. Algunhas das actuacións levadas a cabo foron de apoio, mobilización de recursos públicos e privados, acompañamento a vítimas de violencia, mellora das competencias para o emprego, das habilidades persoais e comunicativas, atención psicolóxica e/ou sexolóxica, entre outras.
Campaña #SomosCOGAMI
Dende COGAMI queren dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias: “É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación”, sinala a confederación, que no mes de marzo reivindica a autonomía persoal a través do lema Somos Nenas e Mulleres.

Vídeo promocional desta campaña de COGAMI

PUBLICIDADE