Bota a andar un proxecto que Galicia, Madrid e País Vasco desenvolven no marco do programa Retech

mércores, 20 de setembro do 2023 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na reunión de lanzamento do proxecto conxunto que Galicia, Madrid e País Vasco desenvolven no marco do programa de Redes Territoriais de Especialización Intelixente (Retech) que ten por obxecto a optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos para a economía co obxectivo de mellorar a produtividade e a calidade de vida a través da aplicación da intelixencia artificial. O encontro de traballo tivo lugar no Parque Tecnolóxico de Zamudio.
O proxecto, coordinado polo País Vasco, ten un orzamento de 55,66 millóns de euros, achegando o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital 41,75 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e sendo 13,91 millóns de euros a achega autonómica (de fondos públicos ou privados) e estenderase ata o primeiro trimestre de 2026.
A participación de Galicia, que se enmarca dentro da Civil UAVs Initiative, ascende a 18,55 millóns de euros: 13,92 millóns de euros de fondos europeos e 4,64 millóns de euros de cofinanciamento autonómico.
Co obxectivo de fomentar o desenvolvemento do mercado dos vehículos e sistemas non tripulados e da intelixencia artificial, así como impulsar o ecosistema aeroespacial galego, a Xunta desenvolverá no marco do Retech un programa de apoio á Compra Privada de Innovación, do que realizará unha convocatoria nas próximas semanas.
Con este novo programa de apoio, a Xunta pretende fomentar o desenvolvemento de novas solucións por parte de pemes e centros de coñecemento galegos, capaces de dar resposta a retos identificados por empresas tractoras que desexen mellorar a súa competitividade a través da incorporación aos seus procesos de tecnoloxías de sistemas non tripulados e intelixencia artificial e que estean dispostas a investir no proxecto.

A iniciativa Retech en Galicia

Ademais deste proxecto, outras dúas iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia (unha relacionada coa intelixencia artificial e outra coa ciberseguridade) forman parte dos once proxectos de transformación dixital seleccionados polo Goberno do Estado na primeira fase do Retech.
Trátase dunha reprodución virtual de Galicia en forma de xemelgo dixital, que permitirá planificar e xestionar o territorio de forma intelixente; e dunha proposta para un espazo de datos de ciberseguridade do Centro de Competencias en ciencias da saúde, smart transportation, industria conectada e excelencia operativa.
Retech está impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este programa de actuación conxunta promove a articulación de proxectos rexionais orientados á transformación e especialización dixital, e está aliñado con dous dos principais obxectivos da Axenda España Dixital: liderar o cambio disruptivo de maneira inclusiva e sostible, e focalizar os esforzos de dixitalización en sectores económicos clave.

PUBLICIDADE