Blanco salienta un aumento do 112% en achegas á I+D ó longo dos últimos catro anos

mércores, 26 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Polo de agora, e en materia de Investigación e Desenvolvemento (I+D), ós galegos aínda nos quedan uns cantos chanzos que subir para ficar ombro con ombro cos países europeos máis desenvolvidos. Pórlle remedio a isto (subministrar converxencia), segue a ser un dos grandes obxectivos da Consellería de Innovación, segundo apuntou este mércores o seu máximo responsable, Fernando Blanco, no transcurso dunha xornada de presentación de axudas ligadas á I+D.
Ó seu xuízo, é importante subliñar que o o orzamento global nesta materia medrou en Galiza un 112% entre 2005 e 2008.
De feito, indicou, durante ese período a contía das subvencións achegadas neste eido pasou de 47,5 millóns a preto de 110 millóns. Amais disto, o número de centros tecnolóxicos duplicouse e foron postas en marcha 14 novas plataformas.
Polo que respecta o investimento privado en I+D, o que procede dende fóra das institucións públicas, a liña tamén é ascendente e positiva abonda, segundo apuntou Fernando Blanco. Neste senso, salientou que a achega privada constituíu xa en 2006 o 44% do esforzo total en I+D en Galiza. “Estase no bo camiño para acadar o obxectivo do 50% fixado para esta variable en 2010, ano no que finaliza o Plan Galego de I+D+i (Incite 2006-2010)”.