Asnosaspalabras.org: unha web galega para recoñecer e defender a diversidade lingüística

venres, 8 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

No que atinxe á defensa e preservación de linguas e culturas non semella haber grandes novidades na fronte en liña. A Rede segue a responder co seu xogo duplo: por unha banda globaliza a esgalla culturas e tendencias e pola outra deixa marxe para o contrario, para a variedade e o respecto polas identidades. Esta loita de contrarios, que a fin de contas non é máis que un reflexo do que pasa na vida real (todo o que pasa xorde da man de alguén), está a achegar nos últimos tempos propostas virtuais de moi variada índole. De entre as encamiñadas a defender a pluralidade temos que salientar unha nova incorporación. Falamos de Asnosaspalabras.org, unha proposta en liña que se vén de presentar en Vilagarcía de Arousa durante a mostra itinerante As nosas palabras, os nosos mundos e que se apoian (a web e máis a exposición) basicamente no obxectivo de defender a diversidade lingüística mundial.
A iniciativa, que vén da man da Secretaría de Política Lingüística, xorde tamén coa finalidade de apoiar o ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural.
Polo que respecta ao sitio web (a xuízo do dito departamento da Xunta, a primeira que abrolla en Galiza co fin de defender a diversidade das linguas), sinalar que é algo máis que un complemento á dita mostra. A idea de Política Lingüística é crear a través dela un referente para a difusión dos valores da exposición física e, asemade, unha exposición en si mesma, a tempo completo e sempre accesible. Neste senso, cómpre sinalar que a páxina ofrece a posibilidade de realizar unha visita virtual e descubrir deste xeito contidos sobre o galego e as linguas que se falan no planeta.
Visita virtual
Segundo informa Política Lingüística, os visitantes da web poderán mergullarse nunha viaxe polo mundo das linguas a través de catro bloques temáticos. O primeiro, As orixes, introduce ao internauta no misterio do nacemento da linguaxe, coas primeiras novas sobre a súa orixe (a través de imaxes, sons, luces e animacións virtuais). Na ligazón Isto é galego prodúcese a descuberta dos datos básicos da lingua galega. Trátase dun percorrido pola historia do galego desde a Idade Media ata os nosos días, “a través de personaxes e acontecementos sociais, políticos e culturais de relevancia”.
O terceiro bloque temático, As nosas palabras, os nosos mundos, permítelles aos visitantes virtuais internarse na diversidade lingüística do planeta e achegarse á riqueza da multiculturalidade da man dos sons de múltiples linguas de orixe diversa.
Por último, A nosa lingua na nosa vida achégalles aos internautas a posibilidade de abrir unha fiestra ao galego visto como unha lingua de creación nunha sociedade produtiva.

PUBLICIDADE