As vendas por comercio electrónico medraron en España un 17,3%
mércores, 3 de agosto do 2011
A entidade pública empresarial, a través do ONTSI, vén de publicar o seu informe anual A
Sociedade en Rede 2010, un estudo que é en boa maneira un diagnóstico
de cómo estamos de saúde dixital dentro do Estado español en comparación cos países
da nosa contorna. E todo isto facendo especial fincapé en cousas como a
Administración Electrónica ou o nivel de afianzamento das novas ferramentas na
comunicación e nos negocios. Sobre o primeiro punto e para ir poñéndonos en
materia, o informe indica que o 99% dos procedementos de alto impacto da
Administración Xeral do Estado a finais de 2010 xa estaban totalmente accesibles
dende Internet. Sobre os outros puntos,
cómpre facer fincapé no crecemento experimentado en España polo uso do comercio
electrónico a tódolos niveis.
Así, as vendas efectuadas por estas canles
acadaron o ano pasado os 9.100 millóns de euros, o que representa un 17,3% máis
ca no ano anterior. Deste xeito, o volume de compradores sobe ata os 10,9 millóns.
Polo que atinxe ao equipamento informático que nos rodea, sinalar que tamén foi
obxecto de ampliacións. Tanto é así que a dotación deste tipo de
infraestruturas nas empresas (computador, internet, correo electrónico e
dispositivos móbiles) “é practicamente
universal”. Dito doutro xeito: paseniño pero sen pausa, xa apenas van
ficando empresas nas que non se tire partido dun ordenador, entre outros
recursos e servizos de tipo TIC. Xa nun plano máis concreto e segundo se indica
no informe, a cuarta parte das firmas de máis de 10 empregados realizan compras
por Internet fronte ao 13,10% que realizan vendas. As compras, polo tanto,
medran a maior ritmo que as vendas, sendo o contraste máis salientable canto
menor é o tamaño da empresa.
Polo que respecta á media de fogares con
acceso a Internet no seo de España é de 59%, sendo do 70% a porcentaxe media de
presenza TIC nas familias a nivel europeo. Asemade, infórmase, o 97,1% dos domicilios con conexión a internet conéctase
a través de banda larga. O número de usuarios das redes en España “estabilizouse en 27 millóns de cidadáns
maiores de 10 anos”, engádese.
