As vantaxes e implicacións da transferencia tecnolóxica, ao descuberto nunha xornada celebrada en CITEXVI

venres, 29 de novembro do 2013 Redacción

O proceso xeral de transferencia tecnolóxica ficou este xoves ao descuberto en Vigo, en tódolos seus detalles e amosado polo miúdo nunha serie de casos concretos sobre a súa aplicación e o seu desenvolvemento. Isto fíxose posíbel grazas á xornada Casos de éxito en transferencia universitaria, celebrada en CITEXVI e contándose con investigadores da Universidade de Vigo para compartir o alcance e implicacións de diversas experiencias de seu xeradas nos campus e trasladadas logo ao ámbito das empresas da contorna. Houbo exemplos de fluxo de coñecemento biosanitario, naval, eléctrico ou alimentario. E tamén houbo, claro, novas tecnoloxías da información.
A xornada, desenvolvida en aberto, veu da man do Centro de Excelencia de Vigo e contou co pulo da Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo, e máis co co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria.
Na xuntanza, como dixemos, participaron representantes de diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo, compartindo cos asistentes a natureza dos seus proxectos, creados ao acubillo dos campus e logo aplicados á experiencia das empresas. Segundo sinala a organización, os relatores coincidiron en que é preciso “que os empresarios entendan que estes grupos dispoñen de medios e recursos que xeran resultados que poden ter aplicación na contorna socio-económica, axudándolles a abordar novos proxectos innovadores ou a enfrontarse a retos tecnolóxicos que non poden resolver cos seus propios recursos”.
Jesús Doval, profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, foi o encargado de abrir a xornada, presentando a colaboración levada a cabo polo seu equipo coa Elinsa para o desenvolvemento dun mecanismo de control de convertedores electrónicos de potencia para sistemas de enerxía distribuída. Logo, África González, catedrática de Inmunoloxía e directora do Centro de Investigación Biomédica (CINBIO), explicou como dunha investigación pode xurdir unha idea que dea lugar a unha empresa como Nanoinmunotech, que se creou ao decatarse os seus responsábeis “de que no eido dos nanomateriais non existía ningunha compañía que se dedicase a caracterizar sistemas nanométricos”. Isabel Fernández, investigadora do Grupo Cima, compartiu co público o proxecto Ecodraga, un sistema ecolóxico desenvolvido por un consorcio formado por diferentes grupos de investigación, organismos, institucións e entidades privadas, que permite minimizar o impacto ambiental do proceso de dragado por succión, tanto nas zonas nas que se realiza como nas áreas de verteduras.
Por último, o catedrático da área de Nutrición da Universidade de Vigo, Lorenzo Pastrana, pechou a xornada expondo o traballo realizado polo seu equipo para o proxecto Que facemos hoxe?, do Grupo Cuevas, un proxecto tecnolóxico-alimentario do que xa temos falado en Código Cero, con motivo da súa posta en marcha en Ourense e co gallo do seu espallamento cara a outras cidades da nosa xeografía (incluída Santiago, que xa acubilla dende este outono un establecemento Cuevas na rúa do Hórreo). O investigador explicou como a empresa recorreu a eles para que lles axudasen a idear un sistema para ofrecer aos clientes dos seus supermercados un menú diario, saudábel, económico e fácil de preparar. Botando man da súa longa traxectoria no eido da nutrición e das ferramentas tecnolóxicas útiles para medir valores nutricionais, deron forma ao devandito sistema e mesmo a un espazo en liña no que se pon a disposición dos consumidores diferentes receitas elaboradas con produtos tradicionais da cociña galega, achegándolles información sobre o valor nutricional dos pratos e realizando recomendacións en función dos seus hábitos alimentarios.

PUBLICIDADE