As tecnoloxías que cambiarán o noso mundo centran este martes unha xornada no GaiásTech

martes, 28 de febreiro do 2023 S. P.

O Centro GaiásTech de AMTEGA, dentro da súa programación encamiñada a promover a transformación dixital das empresas de Galicia, das administracións públicas e da sociedade está a celebrar este martes 28 de febreiro unha xornada centrada na chamada tecnoloxía disruptiva, baixo o título: O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando.
O dito encontro, que inauguraba a primeira hora o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galician (AMTEGA), Julián Cerviño, tratará ao longo do día a través de mesas redondas e relatorios as aplicacións ao tecido empresarial da cadea de bloques (blockchain), a análise da información a gran escala (Big Data), a Internet das Cousas (IoT), a Intelixencia Artificial e a Realidade Virtual.
Cerviño salientou a importancia das tecnoloxías disruptivas que queda reflectida na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG2030), “cuxo eixo transversal é afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia, incrementando as nosas capacidades arredor das novas tecnoloxías disruptivas e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivos”.
Asemade, o director da AMTEGA lembrou que entre os obxectivos que marca a EDG2030 no medio prazo está o de acadar en 2025 “que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais baseadas en intelixencia artificial, big data e ciberseguridade; e que cando menos o 20% das empresas do sector TIC galego conten con especialistas en ciberseguridade, Intelixencia Artificial ou datos”. Tamén engadiu que para avanzar nestes obxectivos e facilitar un novo modelo produtivo “a Administración autonómica puxo en marcha os nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas”.
Alén disto, dende a AMTEGA lembran que Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, que xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía foron factores chave na elección da nosa Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Por outra banda, Julián Cerviño subliñou que “as tecnoloxías disruptivas estanse a incorporar na propia administración e en proxectos de calado para Galicia” como a estratexia GobTech para impulsar o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público en colaboración coas PEME e start-ups galegas; o xémeo dixital de Galicia ou a Rede Galega de IoT para a sensórica do territorio.

PUBLICIDADE