As mulleres cooperativistas galegas abordaron como emprender no rural e como combater a fenda dixital

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

A Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias Nós, As Mulleres, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e as cooperativas Aira e Paco&Lola desenvolveron este 21 de febreiro dúas xornadas ao abeiro do ciclo Mulleres de Cooperativas comprometidas coa innovación no sector agroalimentario, organizado por AMCAE e subvencionado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Desta volta tocáronse temas como a fenda dixital de xénero (un problema que se agrava canto máis nos afastamos das cidades) e tamén abordáronse diferentes claves a ter en conta para emprender dende o rural.
As socias da cooperativa Aira participaron na xornada Ideas Innovadoras de Negocio, cuxo obxectivo foi orientar sobre actividades agrarias dende o punto de vista do emprendemento e sobre producións complementarias a outros tipos de explotación. As opcións que se presentaron foron o cultivo de castaña, o de olivas e o de cogomelos shitake, ademais da micorrización de árbores frondosas.
En Paco&Lola a xornada Salvando a fenda dixital para o apoderamento feminino partiu da premisa de que os equipos de traballo conformados por homes e mulleres acadan maior grao de resolución de problemas e maiores taxas de produtividade e innovación. Abordou o uso das novas tecnoloxías, a ciberseguridade, a seguridade en redes sociais e a súa importancia, así como as canles de comunicación entre as cooperativas e as súas socias.
As xornadas incluíron charlas sobre os beneficios da titularidade compartida.

PUBLICIDADE