As Smart Cities serviron de lema para a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

martes, 30 de outubro do 2012 Redacción

O pasado venres o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrou a súa Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información baixo o lema Smart Cities, a tecnoloxia ao servizo dos cidadáns, contando entre os asistentes co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira.
Durante a gala entregáronse os tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións, nos que José Luis Barreiro Conde, directivo do Grupo Televés, é o Enxeñeiro do Ano desta edición. Unha distinción instituída polo COETG para recoñecer o destacado labor profesional de enxeñeiros de telecomunicación como Barreiro Conde, quen desde o punto de vista colexial participou activamente na fundación da AETG e desde o punto de vista profesional foi o responsable de impulsar o moderno modelo produtivo de Televés e da implantación da loxística do Grupo.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado pola AETG e impulsado pola AMTEGA recaeu na aplicación móbil Pictodroid Lite de Accegal. Un proxecto de colaboración entre o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (centro público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia) e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo para a elaboración de solucións de accesibilidade para as persoas con discapacidades baseadas en dispositivos móbiles.
No tocante ao Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012, o galardón recaeu no Proxecto LIFE+ Viñas Atlánticas da Deputación de Pontevedra, quen lidera o proxecto, en colaboración coas adegas: Martín Códax, Condes de Albarei e Paco&Lola.
O COETG e a AETG tamén entregaron un ano máis, o Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC, nesta edición outorgado á empresa Vmodal Interactive S.L. polo proxecto Intellixente. La voz de tu cliente; e o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC 2012, que lle correspondeu a Guillermo López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing, distinción que recoñece aqueles proxectos de investigación emerxentes no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación.

Fotografía de grupo da Noite Galega das Telecomunicacións deste ano

PUBLICIDADE