Android Auto poderá empregarse directamente dende o smartphone

luns, 7 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Dende hai uns poucos anos bastantes vehículos incorporaron sistemas para integrar as bondades dos smartphones dun xeito cómodo, chegando a que a día de hoxe haxa máis de 200 movelos de coches con soporte para Android Auto, de xeito que a tecnoloxía de Google pode trasladarse á pantalla integrada nos vehículos, pero dado que hai moitos millóns de coches en circulación que ou non son compatibles ou nin tan sequera incorporan unha pantalla, dende Google decidiron estrear un novo xeito de empregar Android Auto: directamente na pantalla do smartphone.
Desde xeito, calquera que teña un smartphone con Android 5.0 ou superior poderá gozar dunha interface adaptada para o seu uso mentres imos ao volante, ou sexa, cunha interface minimizada para amosar opcións clave que poidan precisarse en ruta como navegación GPS, reprodución musical e comunicacións, evitando que outros elementos non esenciais distraian ao condutor.
Android Auto pode configurarse para a súa activación automática ao conectarse ao Bluetooth do coche, e dende Google tamén están a traballar para que este sistema poida tirar proveito da opción «Ok Google» como un acceso máis sinxelo para as ordes de voz.
Hoxe comeza a distribución da versión 2.0 de Android Auto, que irá espallándose xeograficamente, podendo os interesados inscribirse na páxina web do proxecto para recibir un correo electrónico coas novidades sobre esta tecnoloxía de grande utilidade para os condutores.


ACTUALIZACIÓN (14-11-2016): Google finalmente liberou a actualización de Android Auto para que poidan empregarse en móbiles con Android 5.0 ou superior.

PUBLICIDADE