Adamo leva Internet de até 1.000 Mbps á Fonsagrada

martes, 22 de decembro do 2020 Redacción

A compañía de fibra óptica Adamo será a primeira operadora de telecomunicacións en levar Internet de alta velocidade ao concello da Fonsagrada, en Lugo. A empresa deu a coñecer este martes que vai pór a disposición da veciñanza do municipio galego o que nas súas palabras é “a fibra óptica máis rápida que existe hoxe en día no mercado”, que achega velocidades de até 1.000 Mbps.
Na súa recalada no municipio lucense a empresa contou coa colaboración do Concello, que facilitou o labor dos técnicos. Segundo explica Adamo, “este respaldo tamén quedou patente na presentación do novo servizo, á que acudiron Carlos López, alcalde da Fonsagrada, e José Ángel Fernández Carrín, tenente de alcalde do municipio”. Por parte de Adamo estivo presente, na xuntanza de mediados de decembro, David Llano, delegado rexional da empresa na zona.
Este despregamento de conexión a Internet de alta velocidade na Fonsagrada únese aos xa realizados por Adamo noutros dous municipios de Lugo: os municipios de Begonte e Cervo. A eles engadiranse outros puntos da provincia tanto en 2021 como en 2022.
Adamo explica que a súa fibra óptica ofrece capacidades para “poder teletraballar cunha conexión estábel, manter vídeo-conferencias sen cortes, estar máis preto dos familiares e amigos que viven lonxe, pasar citas médicas por vídeo-chamada, comprar a través de Internet, ter a posibilidade de acceder a educación de forma remota ou ver series ou gozar de videoxogos en liña, entre outras opcións”.
A nivel estatal, Adamo xa conta con 10.000 quilómetros de rede propia no rural, grazas aos cales ofrece servizo en 600 municipios de todo o ámbito estatal. Co obxectivo de dotar de fibra óptica de alta velocidade ás zonas máis afastadas, a compañía dispón da ferramenta Adamo Fiberhood, un sistema mediante o cal, só coa petición conxunta de 30 veciños a través dunha web, é de abondo para que a empresa despregue a fibra óptica nun municipio. A Fonsagrada conta cun sitio de seu na devandita páxina, onde as veciñas e veciños van deixando caer as súas solicitudes de contar cos servizos da operadora.

PUBLICIDADE