APD e Linkmyjob.com dan forma a un portal de emprego para directivos
xoves, 2 de xaneiro do 2014
A Asociación para o
Progreso da Dirección (APD)
vén de asinar un acordo de colaboración con Linkmyjob.com,
plataforma española centrada na xestión da mercadotecnia persoal e
o autoemprego. O froito desta
colaboración é un servizo
colaborativo para directivos, cun enfoque internacional e poñendo
en contacto empresas, candidatos, investidores e emprendedores. O
obxectivo, sinalan os responsábeis deste novo servizo, é a
formación e o pulo a iniciativas emprendedoras e innovadoras.
A plataforma está
dirixida a candidatos, profesionais e empresas onde se ofrecen
servizos de procura de emprego, asesoramento e cesión de ferramentas
de negocio e mercadotecnia persoal que faciliten estas tarefas.
APD e Linkmyjob.com
coinciden coa posta a punto deste proxecto conxunto na importancia
que están a acadar as alianzas e as novas tecnoloxías nunha época
como a actual, “na que é imprescindíbel saír das contornas
tradicionais na procura de emprego para formar parte dun ecosistema
de colaboración no que as persoas en situación de desemprego poidan
trasladar todo o seu potencial e darse a coñecer por centos de
empresas tanto nacionais como noutros países”. Para APD e
Linkmyjob, a clave do seu servizo está nas pontes que establecen
entre candidatos e empresas, entre emprendedores e investidores,
unindo as súas necesidades. Actualmente, APD conta con 2.600
empresas asociadas de todos os sectores e perfís.