A web do voceiro de Cultura do Goberno, redireccionada

mércores, 16 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Goberno central segue adiante co seu tirapuxa cos internautas que defenden as redes de intercambio de ficheiros (música, cinema, etc) e esta estratexia e os seus resultados, ao final, acaban por percibirse mesmo nas páxinas webs ligadas ao Goberno. Exemplo disto é o que vén de acontecer co espazo en liña do voceiro de Cultura do PSOE, que foi manipulada por internautas co fin de criticar á primeira responsable do departamento, Ángeles González-Sinde, moi cuestionada dende que chegou ao seu cargo por unha boa porcentaxe da comunidade redeira española, xeralmente afeita a dispoñer da Internet coma un espazo para o libre intercambio de contidos (cousa que o Goberno central e as sociedades de xestión de dereitos que teñen depositada a súa confianza nel non semellan dispostos a consentir).
O caso é que o devandito ataque, segundo se conta en Xornal, consistiu nun exercicio de redireccionamento dos hipotéticos visitantes ao sitio en liña do voceiro (José Andrés Torres Mora), levándose aqueles unha boa sorpresa ao descubrir diante dos ollos o blog de David de Ugarte, un caderno onde se critica o artigo que o político socialista vén de publicar en El País.
Con posterioridade a este feito, Torres Mora procedeu a denunciar a intervención na súa web persoal por parte de internautas presumiblemente contrarios ao anteproxecto de Lei de Economía Sostible do Goberno e no que, entre outras cousas, se lle daría acubillo á posibilidade de bloquear páxinas web que inclúan ligazóns a redes de intercambio de ficheiros.

PUBLICIDADE