A terceira edición de ConCiencia, á vista

luns, 13 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O programa ConCiencia chega á súa terceira edicion estes meses de outubro e novembro. A iniciativa, posta en marcha pola Universidade de Santiago, o Consorcio da cidade e a Fundación Caixa Galicia, vén co seu obxectivo principal renovado: poñer a ciencia o máis preto posible da sociedade (neste senso, a visita recente de Stephen Hawking, organizada tamén polas ditas entidades, foi un resumo perfecto destas intencións).
O programa presentarano en rolda de prensa este martes, día 14, o reitor da USC, Senén Barro; o presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo; o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; e o coordinador do programa, o profesor da USC Jorge Mira. A presentación celebrarase na sede da Fundación Caixa Galicia (r/ do Vilar, 19) nun acto que dará comezo ás 11:30 horas.
Nas pasadas dúas edicións participaron en ConCiencia os Premios Nobel de Física en 1986, Heinrich Rohrer; de Medicina e Fisioloxía en 1981, Torsten N. Wiesel; de Química en 1991, Richard R. Ernst; de Física en 2004, Frank Wilczek; de Economía en 1994, John Nash; o de Medicina en 1989, Harold Varmus; así como o Premio Abel en 2005, Peter Lax, e Michael F. Atiyah, merecedor da Medalla Fields.

PUBLICIDADE