A tecnoloxía galega que facilita a localización e a interacción en congresos recibe o pulo definitivo

mércores, 26 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

As empresas galegas Balidea, Situm e Nordesía veñen de informar do remate dun proxecto conxunto destinado a achegarnos tecnoloxía que converta feiras, congresos e eventos en acontecementos seguros, doados de visitar, ben xestionados e onde haxa unha comunicación total entre os asistentes. E todo isto coa axuda dos dispositivos móbiles.
Estamos a falar do proxecto TOURAL (siglas en galego para Tecnoloxías Orientadas á Localización, Realidade Aumentada e Lincaxe para feiras, recintos e eventos culturais). A iniciativa, co-financiada pola axencia GAIN co apoio a Xunta de Galicia a través do programa Conecta PEME, é unha proposta integral a prol da interactividade. Neste caso concreto, a interactividade nun acontecemento en maior ou menor multitudinario.
Esta interacción, segundo informan Balidea e Situm, permite “pór en contacto aos asistentes tanto entre si como cos organizadores dos eventos”, amais de posibilitar a localización e o guiado dos asistentes dentro e fóra do recinto onde se celebra o evento. A idea é complementar todo isto con visitas ás casetas mediante o uso de tecnoloxías de realidade aumentada.
O proxecto serviu ademais como proba para a startup galega S-REC, especializada no desenvolvemento dun sistema de recomendacións de eventos e contactos profesionais.
TOURAL está co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para fomentar a cooperación entre a PEME e os demais axentes do sistema rexional de innovación. Amais, tivo un orzamento de 862.390,17 euros.

PUBLICIDADE