A rapazada participante no Nadal Informático de Ribeira recibiu os seus diplomas

venres, 3 de xaneiro do 2020 Ana Rial

A Aula CeMIT de Ribeira acolleu este venres 3 de xaneiro a entrega de diplomas aos 18 rapaces e rapazas que, distribuídos en dous grupos, participaron nestas datas nos cursos do Nadal Informático organizados polo Concello. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do profesor Manuel Bello, encargouse da entrega destes diplomas e desexou que as clases resultasen do agrado dos asistentes.
Once dos cativos participaron na acción formativa Iníciate na informática, dirixido a alumnado con idades comprendidas entre os 7 e 10 anos; mentres que os outros sete fixeron o propio en Retoca as túas fotos, destinado a estudantes de 11 a 14 anos. Ambos cursos foron totalmente gratuítos e desenvolvéronse do 23 de decembro ao 3 de xaneiro.

PUBLICIDADE