A porcentaxe de emprego do Firefox en España sitúase case no 20%

luns, 16 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A historia do navegador é Firefox (software libre) non é precisamente a historia dunha caída. Polo menos, non polo de agora, xa que todas as novas que chegan do planeta “Mozilla” e de arredores son case sempre alentadoras, tanto para a propia ferramenta da que falamos como para todos aqueles usuarios e deseñadores de programas abertos que traballan a prol dun novo concepto menos estritamente comercial da informática. Así, o último estudo sobre o manexo de navegadores no mundo durante a primeira semana de xullo (desta volta, feito por XiTi Monitor e refrectido por The Inquirer) ofrece máis do mesmo: a ferramenta segue o seu vieiro con vento a favor en todos os países incluídos na investigación, dándose circunstancias excepcionais como a de Irlanda, que pasou dunha taxa de uso do 24,9% na primeira semana de marzo a unha porcentaxe do 38,6% a comezos deste mes en curso.
Polo que respecta a España, país que non destaca especialmente polo manexo de software libre, cómpre dicir que se vén de situar case no 20%, cun crecemento neto do 22%, posto que se parte dunha taxa do 15,7% no mes de marzo.
Hai que salientar tamén o caso de Hungría, cun crecemento neto do 46%, logo de chegar a unha porcentaxe de uso no Firefox do 39,7%. Á cabeza de todo isto segue (rexo na súa teima polo navegador de Mozilla) Finlandia, cun 45% de internautas facendo uso do Firefox, o que representaría case un de cada dous usuarios da Rede no país nórdico.

PUBLICIDADE