A mocidade de Appventurers desenvolverá apps de Realidade Aumentada en espazos emblemáticos de Santiago

martes, 10 de outubro do 2023 S. P.

Durante os próximos 12 meses, 16 mozos e mozas menores de 30 anos recibirán formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Será grazas ao programa de emprego Appventures, que este martes 10 de outubro inaugurou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, nun acto celebrado en Abastos no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Segundo explicaron, o programa Appventurers combina a formación co traballo, “de maneira que o alumnado recibe formación ao tempo que está contratado para realizar un traballo real”. En concreto, os mozos e mozas participantes desenvolverán aplicacións móbiles de Realidade Aumentada sobre o Museo do Pobo Galego, a Praza de Abastos e a senda peonil do Sar. O obxectivo é “utilizar estas solucións tecnolóxicas innovadoras para mellorar e enriquecer a experiencia das persoas que visitan eses tres puntos, ofrecendo unha capa de información adicional que axuda a comprender mellor eses lugares”, sinalou a concelleira, engadindo que “a Realidade Aumentada tamén permitirá atraer novos públicos ás zonas elixidas para o proxecto”.
A aplicación móbil terá como obxectivo enriquecer a experiencia dos e das visitantes do Museo do Pobo Galego e da Praza de Abastos, contextualizando mellor os espazos e as súas características. No caso do Banquete de Conxo, representarase a evolución deste ámbito en tres momentos históricos e en tres lugares distintos: o bosque do Banquete de Conxo, as Brañas de Sar e a Colexiata, e a Fábrica da Mañoca.
Appventurers é un programa de emprego destinado a persoas mozas incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 ao 60%. O programa conta un orzamento de 424.836,96 euros.

PUBLICIDADE