A libraría Biblos de Betanzos, recoñecida polo seu espírito innovador
venres, 29 de xuño do 2018
Espírito
innovador para renovar as nosas tendas e convertelas en referentes
dixitais. Iso é o que procura o certame Comercio con talento, unha
iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo cuxa
máis recente edición resolveuse onte, outorgando os seus
premios ao alumnado de formación profesional que mellores
contribucións achegou en materia de renovación de establecementos.
Un dos galardóns do concurso foi dar á libraría Biblos de
Betanzos.
Con
este certame, no que participou alumnado de ciclos formativos
relacionados co comercio de toda Galicia, búscanse cousas como
impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade
do sector ou incrementar o coñecemento das novas tendencias do
comercio, especialmente das novas tecnoloxías.
Para
concorrer no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca
para seleccionar finalmente un negocio de acordo a criterios como "o
espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente".
Logo, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio
elixido.
Un
xurado especializado escolleu os nove comercios “con máis talento”
de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser
escollidos no Facebook do Portal do Comerciante (polo que un dos 10
premios decídese polo número de gústame recibidos).
Os
autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad Wi-Fi
32GB.
No
caso do proxecto Biblos, foi proposto por José Ángel Varela, alumno
do ciclo superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais no IES
Francisco Aguiar de Betanzos. Na súa proposta salientou a aposta
deste negocio pola literatura en galego e castelán e tamén en
inglés e portugués, ademais da súa oferta musical. Sinala ademais
que para a promoción emprega sobre todo as redes sociais e a revista
Biblos, ademais da edición dun boletín mensual. Tamén
destacou que na libraría adoitan facerse presentacións de libros,
actuacións musicais, exposicións de arte, de fotografía, ou
coloquios.
