A Xunta avanzará no Open Data co portal Abert@s

xoves, 2 de febreiro do 2012 Redacción

A Xunta de Galicia, segundo avanzou hoxe no Consello que tivo lugar en San Caetano, publicará información de interese público da Administración galega e dos seus organismos en formatos abertos e estándar, para a súa re utilización por parte de cidadáns e empresas. Son datos xerados pola propia Administración e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade pero que non estaban adaptados para seren empregados por terceiros ou ben dispersos. O portal Abert@s será a plataforma de acceso a este catálogo de información pública en formato dixital, debidamente actualizado e de acceso libre.
A iniciativa de Open Data supón un elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións con base nesta información. Ademais, esta información é especialmente relevante para a industria de contidos dixitais que atopará materia prima para crear novos produtos e servizos e aplicacións de valor engadido. Ademais, os axentes económicos e sociais poderán ter unha maior axilidade na toma de decisións ao dispoñeren de forma fácil e accesible a información administrativa, financeira, xurídica.

Os detalles sobre o portal Abert@s adiantáronse no Consello da Xunta de hoxe en San Caetano

Aos cidadáns o Open Data ofrécelles a posibilidade de mellorar a súa información e coñecemento sobre as actividades das institucións públicas, e tamén se beneficiarán dos servizos que as empresas creen con base na reutilización desta información.
Entre as posibles aplicacións que as empresas e os cidadáns lle poden dar esta información están mapas de incidencias nas estradas, buscadores de oferta formativa, aplicacións para coñecer o estado das mareas, buscadores de farmacias de garda, mapas turísticos etc.
As primeiras informacións que se publicarán no portal Abert@s serán arredor de 40 documentos de diferentes áreas de información. As primeiras informacións que se publicarán no portal Abert@s serán arredor de 40 documentos de diferentes áreas de información. O obxectivo é avanzar no Goberno aberto, aquel que promove unha participación efectiva a través das canles sociais e que pon á disposición da sociedade, de maneira libre, os datos que se xeran no ámbito da Administración pública e ademais a Administración dá un paso máis no cumprimento do principio de transparencia informativa.

PUBLICIDADE