A Universidade da Coruña avanza no pulo á Intelixencia Artificial grazas á tecnoloxía do CESGA

xoves, 21 de xuño do 2012 Redacción

A Universidade da Coruña é unha das moitas institucións que lle saca partido ao potencial tecnolóxico e innovador do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Máis polo miúdo, tira especial proveito dos seus sistemas e profesionais para dar pasos adiante no eido da Intelixencia Artificial (AI), concretamente en conseguir que a través da aplicación da AI na simulación do comportamento das neuronas se acade o obxectivo tan devecido da aprendizaxe. Ou sexa, que os sistemas poidan adquirir coñecemento por si e, ao mesmo tempo, mellorar o noso coñecemento sobre o procesamento de datos do cerebro. Estes son dous dos grandes obxectivos do equipo de investigación do Departamento de TIC da Universidade da Coruña (UDC) que dirixe a profesora Ana Belén Porto Pazos e que conta para o seu labor co apoio da capacidade de cálculo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Ana Belén Porto Pazos dirixe o equipo de invetigación que tira proveito da tecnoloxía do CESGA

Segundo fan saber fontes do centro, emprazado no Campus Sur de Santiago, o devandito equipo de I+D (que se insire no seo doutro grupo, o que lidera o catedrático Alejandro Pazos) desenvolve a día de hoxe unha investigación multidisciplinar na que conflúen a investigación na pola conexionista da Intelixencia Artificial (IA) coa investigación na área da neurobioloxía funcional e de sistemas en neurociencia, para tratar de favorecer o procesamento dos datos nos computadores e aumentar o coñecemento sobre como se procesa a información nos circuítos neurogliales do cerebro. Así llo explicou a investigadora Ana Belén Porto ao propio Centro de Supercomputación, que nos desvela nun comunicado a natureza e cometido das ditas células (coñecidas como glía ou neuroglía): amas de cría do sistema nervioso que desempeñan, de forma principal, a función de soporte das neuronas e interveñen activamente, amais, no procesamento cerebral da información no organismo.
A modelización computacional de sistemas conexionistas (SC) que simulan a actividade de grupos organizados de neuronas permite resolver problemas do mundo real que empregan coñecemento natural que pode ser incerto, impreciso, inconsistente e incompleto, nos que a construción dun programa de informática convencional ou da rama simbólica da IA que cubrise as posibilidades sería moi dificultoso ou mesmo impensable, engade o Centro de Supercomputación. Segundo indica a profesora, "os recentes descubrimentos no ámbito da neurociencia sobre a importante función dos astrocitos do sistema glial no procesamento da información, ao contrario do que se pensaba, demostraron que estas células son fundamentais cando se desempeñan tarefas cognitivas".
O equipo de investigación que dirixe "logrou demostrar por primeira vez -grazas ao uso do equipamento do CESGA- que incluíndo en sistemas conexionistas multicapa novos elementos artificiais que tratan de simular os astrocitos, aumenta a eficacia destes sistemas na resolución de problemas cando os astrocitos artificiais inducen potenciación nas sinapsis", o que levou a crear as chamadas Redes NeuroGliales Artificiais (RNGA). As RNGA son sistemas conexionistas que incorporan, ademais de neuronas artificiais, elementos de control que simulan o comportamento dos astrocitos cerebrais (células do Sistema Glial).